Qué é un xeoparque?

Share Button

Como vén anunciando o noso Concello dende hai días, e como podes ver na anterior entrada desta web, o Auditorio Municipal de Cariño acollerá o vindeiro sábado 10 de decembro un importante evento que leva por título O Xeoparque de Cabo Ortegal: futuro próximo ou lonxano? A cita, organizada pola institución municipal, está aberta á participación de toda a cidadanía.

Nesta entrada pretendemos ofrecer unha breve introdución ó tema que se tratará nesa xornada e explicar os motivos do apoio que dende aquí lle brindamos á mesma. Queremos, en concreto, explicar brevemente qué é un xeoparque e por qué pode ser importante para a nosa comarca. Convén sinalar, de entrada, que en internet podes ampliar facilmente, a través dun amplo número de páxinas, a información que aquí ofrecemos. En concreto, recomendamos a visita ás entradas Geoparque e Red de Geoparques Europeos da Wikipedia, así como á web da European Geoparks Network (Rede Europea de Xeoparques), que lamentablemente carece de versión en castelán (aínda que si está dispoñible en portugués). Como exemplo de páxina web dun xeoparque en funcionamento podes ver a do Xeoparque da Costa Vasca, por tratarse dun caso que será obxecto de atención específica na xornada de Cariño.

Un xeoparque defínese por primeira vez en 1999, por parte da UNESCO, como “un área definida que presenta rasgos geológicos de especial relevancia, rareza o belleza. Estos rasgos deben ser representativos de la historia geológica de un área particular y de los eventos y procesos que la formaron”. A iniciativa concrétase en xuño do ano seguinte coa creación da Rede Europea de Xeoparques por parte de catro espazos naturais, que recibe o apoio da UNESCO en abril de 2001. En febreiro de 2004, nunha reunión celebrada en París, créase a Rede Global de Xeoparques e asínase un acordo mediante o cal a Rede Europea de Xeoparques convírtese no órgano que regula o ingreso na Rede Global.

A Carta de Principios da Rede de Xeoparques Europeos foi oficialmente aceptada o 5 de xuño do ano 2000 na illa de Lesbos (Grecia) e asinada polos catro membros fundadores da rede (España, Francia, Alemania e Grecia). O primeiro punto de dito documento ofrece unha definición especialmente clarificadora (o resaltado é noso): “Un Geoparque Europeo es un territorio que incluye un patrimonio geológico particular y una estrategia territorial de desarrollo sostenible, apoyado por un programa Europeo para promover el desarrollo. Debe tener unos límites claros y un área suficiente para un desarrollo económico real. Un Geoparque Europeo debe comprender un cierto número de lugares de interés geológico (LIG) de particular importancia en términos de su valor científico, unicidad, apariencia estética o valor educativo. La mayoría de estos lugares de interés geológico comprendidos en un Geoparque deben formar parte del patrimonio geológico, pero su interés puede ser también arqueológico, ecológico, histórico o cultural”.

Na actualidade a rede europea comprende 69 xeoparques situados en 23 países diferentes. Unha ducia deses xeoparques está situada en España (dous deles en Canarias) e outros tres en Portugal (un deles nas Azores), pero a día de hoxe non hai ningún xeoparque en Galicia.

O Complexo Xeolóxico de Cabo Ortegal posúe unha importancia mundial, acreditada en máis de vinte teses de doutoramento e varias ducias de artigos científicos en revistas internacionais. Os beneficios de conquerir a categoría de xeoparque para dito complexo son, na nosa opinión, indubidables. A nosa comarca en xeral -e Cariño en particular- precisa diversificar a súa economía potenciando novos sectores económicos e o turismo de calidade é un deles. O ingreso nesta rede europea incrementaría notablemente a visibilidade do noso territorio e do Cabo Ortegal en especial, xerando oportunidades en sectores como a hostalería e o turismo. Cómpre salientar, ademais, que a pertenza á rede de xeoparques é plenamente compatible cos sectores económicos existentes (pesca e marisqueo, forestal, etc.) e con outros que podan xurdir. Por último, e non menos importante, serviría para promover o coñecemento do noso patrimonio xeolóxico e das nosas potencialidades entre a nosa cidadanía.

Un dos aspectos que reforzan unha candidatura de xeoparque é ter realizado actividades previas de divulgación e valorización desa riqueza xeolóxica. Neste eido a comarca en xeral e o noso Concello en particular teñen xa un camiño andado. Dende o Goberno Municipal iniciámolo en 2007 coas xornadas As rochas máis antigas da Península Ibérica: introdución á xeoloxía do Cabo Ortegal. Meses despois viría a actividade Un día con geólogos, con reportaxe incluída no programa Natureza da TVG; a publicación dunha exitosa Guía de Campo en 2010; ou a celebración do Geolodía 2014, que axudamos a organizar dende a Agrupación Socialista de Cariño. Estas e outras actividades foron posibles grazas á xenerosa colaboración de Ricardo Arenas, catedrático da Universidad Complutense de Madrid, e do seu equipo. O impulso dunha candidatura de xeoparque para o complexo de Cabo Ortegal foi proposta por primeira vez, de maneira pública, polo noso partido no programa electoral ás eleccións municipais de maio de 2011. Posteriormente outros concellos, persoas e axentes sociais teñen recollido esta idea e defendido a súa importancia.

De todas estas cuestións falarase na xornada do sábado 10 de decembro. Pola mañá catro especialistas de primeiro nivel exporán de maneira didáctica a importancia xeolóxica do complexo de Cabo Ortegal, introducindo ademais as últimas novidades científicas. Pola tarde tres expertos en xeoparques explicarán polo miúdo qué é un xeoparque, cómo se xestiona no día a día, qué beneficios pode supor e cómo se organiza unha candidatura. Haberá tamén turnos de intervencións abertos a todo o público asistente. Tal vez non resulte esaxerado afirmar que eventos como o do día 10 poden condicionar o porvir dun pobo. Alí convén estar. Apoiando ó noso Concello, apostando polo futuro de tod@s.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.