Convertir a crise en oportunidade: o futuro do PSOE

Share Button

O pasado sábado 29 de outubro, en segunda votación, Mariano Rajoy resultou reelexido Presidente do Goberno con 170 votos a favor, 111 votos en contra e 68 abstencións. Tras tomar posesión do seu cargo, Rajoy anunciará esta semana a composición do seu novo Executivo. A sesión de investidura puxo fin a meses de bloqueo político, que incluso obrigaron á repetición das eleccións xerais. O desbloqueo foi posible pola abstención de boa parte do Grupo Socialista, aínda de 15 dos seus membros racharon co mandato do Comité Federal e votaron en contra da investidura.

Con independencia da opinión que mereza a decisión adoptada polo Comité Federal, ninguén no partido socialista pode estar satisfeito dos acontecementos vividos nas últimas semanas. A abstención foi unha decisión de última hora, traumática e tomada con escaso marxe para o debate, a negociación e a argumentación pública. Seguramente faltou un debate sinceiro e sosegado ó longo dos últimos meses no seo do PSOE.

É innegable que o PSOE atravesa un momento difícil, pero tamén o é que o noso partido ten amosado, ó longo da historia, unha incuestionable capacidade de sobrepoñerse ás adversidades. Así pois, debe ser capaz, unha vez máis, de convertir a presente crise en oportunidade.

Aínda que a algúns lles custe asumilo, o PSOE é o líder da oposición. Absterse non implica apoiar unhas políticas e un goberno que o noso partido considera antagónicos. Pero este antagonismo terá que visualizarse no día a día da actividade parlamentaria fiscalizando ó goberno, plantexando propostas alternativas e sendo útiles á maioría social e, especialmente, ós sectores máis desfavorecidos. Fuxindo da política espectáculo, pero erixíndose en alternativa con moita firmeza.

Por outra parte, o futuro ciclo congresual antóllase decisivo. É necesario saír do estado de provisionalidade que implica ter xestoras dirixindo o partido a nivel federal e en Galicia. O partido precisa debates en profundidade –pero con ánimo construtivo- e renovación de equipos en tódolos seus niveis organizativos (federal, autonómicos, provinciais e locais).

Non queremos rematar este texto sen lembrar que, como non podía ser doutro xeito, as prioridades do socialismo cariñés seguen estando no ámbito local. Como sempre fixemos, a Agrupación Socialista de Cariño participará nos debates e procesos orgánicos que teñan lugar no futuro inmediato, pero tamén temos claro que as nosas competencias e o noso cometido principal son, igual que ata agora, a mellora das condicións de vida da nosa cidadanía e o progreso do noso Concello.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.