Propostas programáticas: desenvolvemento sostible, hostalería e turismo

Share Button

_mg_0961.jpgRematamos a explicación das nosas propostas programáticas coa área de Desenvolvemento sostible, hostalería e turismo. Neste ámbito vimos realizando iniciativas relevantes nos últimos anos, que pretendemos potenciar e ampliar na nova lexislatura. É preciso seguir facendo da hostalería e do turismo de calidade un factor de dinamización e diversificación económica.

Apostamos pola coordinación da oferta hostaleira e turística mediante reunións periódicas cos sectores implicados. O nivel da oferta hostaleira mellorou notablemente no termo municipal durante os últimos anos, pero é convinte maximizar o seu potencial mediante accións coordinadas. No marco desta política, cremos que sería unha boa iniciativa a creación dunha páxina web para a difusión da oferta hostaleira e turística.

Temos previsto o remate e apertura do albergue da reitoral de Santa María da Pedra. Estas instalacións permitirán acoller a estudantes, participantes en torneos deportivos e outros colectivos de interese. Sen dúbida, dotándoo dunha programación axeitada, será un elemento de dinamización da parroquia de A Pedra e de todo o Concello en xeral.

Unha iniciativa tamén ambiciosa é o impulso dunha candidatura para obter a categoría de Xeoparque. Como xa sabes, o Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal posúe unha importancia mundial, sendo visitado anualmente por un elevado número de turistas e investigadores/as interesad@s nas súas rochas. A pertenza á Rede Europea de Xeoparques (EGN Charter) daríanos unha visibilidade maior en todo tipo de guías especializadas a nivel mundial. Ademais, a colaboración que vimos mantendo con expertos xeólogos supón unha axuda importante para elaborar esta candidatura. Un Xeoparque é moi pouco restrictivo en termos de protección –que xa temos garantida por outras normativas- e pode aportarnos beneficios importantes. Podes atopar máis información sobre a Rede Europea de Xeoparques aquí:

http://es.wikipedia.org/wiki/Red_de_Geoparques_Europeos

http://www.europeangeoparks.org/isite/home/1%2C1%2C0.asp 

Temos xa iniciados cos organismos supramunicipais competentes as xestións encamiñadas á creación dun Centro de Interpretación do Medio Mariño na antiga Cetárea. Podería ser un elemento de gran potencial divulgativo, tanto para a cidadanía cariñesa como para turistas e visitantes, e ademais contribuir á rexeneración desas instalacións, que se atopan actualmente moi degradadas.

Pretendemos tamén ampliar a oferta e a programación da Aula do Mar, así como as datas de apertura da Oficina de Turismo. Ambos servizos gozan dunha demanda crecente. Tamén temos previsto ampliar a rede de rutas de sendeirismo, posto que posúen igualmente unha ampla aceptación entre a xente do noso Concello e @s visitantes.

Como quizais verías na prensa recentemente, estamos traballando na creación de sistemas de realidade aumentada e información turística virtual, o que permitirá dispoñer de información turística de alta calidade en dispositivos como os teléfonos móviles. Esta é unha iniciativa comarcal liderada dende o Concello de Cariño e que pretendemos financiar con fondos europeos.

Por último, pretendemos impulsar políticas de concienciación sobre eficiencia enerxética e respecto ó Medio Ambiente, que é o patrimonio e a riqueza máis importante que temos.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.