Oficina de Desenvolvemento Local do Concello de Cariño

Share Button

Hai escasos meses o Concello de Cariño puxo en marcha a Oficina de Desenvolvemento Local. A través da súa páxina de Facebook, a institución municipal vén de publicar un comunicado informando sobre este novo servizo, que consideramos especialmente oportuno e necesario. Por esta razón, reproducimos aquí o mentado texto na súa integridade.

A Oficina de Desenvolvemento Local do Concello de Cariño

Logo dun tempo preparando e pechando o procedemento de contratación, o Concello de Cariño conta dende o mes de marzo co Servizo de Desenvolvemento Local.

Este únese ó Servizo de Orientación Laboral que xa se vén prestando no Concello tódolos martes, e xa estamos en proceso de creación do Servizo de Asesoramento ao Cooperativismo, en colaboración cos outros tres concellos que integran a Comarca do Ortegal. Deste xeito poderemos aproveitar as vantaxes que ofrece a Rede Eusumo, apostando firmemente pola creación de emprego a través do cooperativismo e da economía social.

O novo servizo está orientado á búsqueda de emprego por conta propia, e realiza as seguintes funcións:

* Asesoramento a emprendedores, informando dos pasos a seguir na creación de empresas.

* Apoio a promotores de empresas unha vez constituídas.

* Desenvolvemento de plans de viabilidade, necesarios para solicitar subvencións ou obter financiación.

* Axuda na xestión de subvencións, tanto as orientadas a emprendedores de cara ao autoemprego como as orientadas a empresarios xa constituídos.

* Tramitación da capitalización do subsidio de desemprego.

* Información sobre calquera tipo de subvencións susceptibles de interese xeral.

* Asesoramento nas Técnicas de Busca Activa de Emprego e creación de curriculum vitae.

* Rexistro de desempregados para a súa posterior información sobre cursos de formación e ofertas de emprego.

Nestes meses de traballo realizáronse xestións vencelladas á inscripción de veciños e veciñas en cursos da “Rede Xiana2” para a obtención do permiso de conducir B, C e CAP de Mercadorías, púxose en marcha a campaña “Quere o Teu Mercado” (campaña europea de Mercados de abastos), avanzouse nas tarefas de asesoramento a veciños e veciñas e, en colaboración co resto de concellos da comarca, solicitáronse varios cursos de formación.

De cara ao futuro inmediato, dende o Concello traballamos para crear unha bolsa de créditos sen xuros para axudar a novos emprendedores así como na solicitude dunha subvención de fomento de emprego xuvenil da FEMP – INJUVE.

Outra tarefa a desenvolver é a xestión no municipio do Plan de Emprego Local (2016 – 2019) da Deputación da Coruña. O PEL, cun orzamento total de 30.000.000€, nace para estimular a creación de postos de traballo nos sectores público e privado e apoiar a iniciativas emprendedoras. Neste ano 2016, o orzamento é de 7 millóns de euros, que se destinarán a catro liñas fundamentais:

* Apoio aos concellos.

* Apoio ao emprendemento sostible e innovador.

* Apoio ás pequeñas empresas da provincia.

* Apoio a novos proxectos relacionados co emprego que optarán a financiamento con fondos europeos.

A Oficina de Desenvolvemento Local está situada no segundo andar da Casa do Concello, e o horario de atención ao público vai de luns a venres de 9 a 14 horas. Se prefires realizar unha consulta non presencial podes empregar o teléfono (981 405 064) ou ben o correo electrónico (emprego@concellodecarino.com).

Dende o Concello de Cariño queremos ser parte activa na formación dos nosos veciños e veciñas, contribuíndo na medida das posibilidades municipais á creación de emprego local.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.