Oportunidades de emprego: acción formativa sobre elaboración de produtos derivados da mazá

Share Button

O Concello de Cariño anunciou en días pasados a posta en marcha dunha acción formativa sobre elaboración de produtos derivados da mazá, que terá lugar durante os meses de novembro e decembro no marco do programa Cariño emprende: oportunidades de emprego no rural.

Esta iniciativa forma parte da convocatoria de axudas á xuventude do Instituto de la Juventud (INJUVE) e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) para a realización de programas ou proxectos de actuación que inclúan actividades que fomenten as oportunidades de emprego, autoemprego e iniciativas empresariais para as persoas novas no ámbito local. O Concello de Cariño foi un dos 30 beneficiarios da convocatoria, na que se presentaron 425 proxectos de entidades locais de toda España. Unicamente tres das 30 iniciativas financiadas sitúanse en Galicia.

A acción formativa está dirixida a persoas de entre 16 e 35 anos de idade, tendo prioridade as persoas desempregadas de longa duración, con escasos estudos ou en risco de exclusión social. O programa formativo inclúe a elaboración de produtos derivados da mazá; prevención de riscos laborais; comunicación, redes sociais e venda online; emprendemento cooperativo; e igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

O Alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, destacou a importancia que posúe a formación de recursos humanos en todo proxecto de desenvolvemento local sustentado na transformación dos produtos da comarca, como é o caso da mazá. Na súa opinión este proxecto contribuirá a fomentar o emprego cooperativo aproveitando os recursos naturais existentes. O Alcalde agradeceu ademais á Asociación de Veciños de Landoi as facilidades prestadas para celebrar o curso en dita parroquia, o que resulta moi pertinente ó tratarse dunha das principais produtoras de mazás da comarca.

O curso, que é gratuíto, terá lugar no Local Social de Landoi, en horario de mañá, e extenderase ata o mes de decembro. O límite de prazas é de 15 e o prazo para inscribirse remata o 25 de outubro. As persoas que desexen facelo, ou obter máis información, poden dirixirse ó Servizo de Emprego (Casa do Concello), chamar ó teléfono 981 405 064 ou escribir a emprego@concellodecarino.com

Dende a Agrupación Socialista de Cariño felicitamos ó Goberno Municipal por esta excelente iniciativa.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.