Tempos difíciles: un balance de 2016

Share Button

Remata un ano difícil a tódolos niveis. A escala internacional foron doce meses de pésimas noticias, coa crise humanitaria d@s refuxiad@s da guerra de Siria, o resultado do referendum do Brexit no Reino Unido, a victoria de Donald Trump nos EEUU ou os atentados islamistas en Niza, Orlando ou Berlín, por citar algúns dos acontecementos que xearon o sangue.

Dentro das fronteiras do estado español tamén houbo escasos motivos para o optimismo. A crise económica e laboral axiña cumplirá unha década e os indicios de recuperación seguen sendo febles. A lacra da violencia machista, lonxe de deterse, segue arroxando cifras e episodios alarmantes. Non menos preocupante, neste contexto, é a crise da esquerda e a súa incapacidade –agardamos que temporal- para ofrecer as alternativas que a maioría social necesita. O ano remata con gobernos da dereita en España e en Galicia –aquí con maioría absoluta- e con xestoras socialistas en Madrid e en Santiago, no primeiro dos casos tras un Comité Federal para esquecer que rematou coa dimisión de Pedro Sánchez como Secretario Xeral. Nas outras esquerdas o panorama tampouco resulta demasiado alentador. Mención específica merece a situación de Podemos, que, despois de ter impedido un goberno de cambio tralas eleccións do 20D, afronta o seu próximo cónclave de Vistalegre cunha profunda división interna. Como xa temos feito noutras ocasións ó longo deste ano, nesta última entrada de 2016 apelamos á sensatez e ó esforzo colectivo da militancia socialista –e moi en particular dos máximos dirixentes do partido- para afrontar o futuro inmediato. A maioría social deste país necesita un PSOE forte.

No ámbito local seguimos acusando a crise dos nosos sectores produtivos tradicionais. Cariño en particular, e as comarcas de Ortegal e Ferrolterra en xeral, precisan novos activos socioeconómicos e factores que os incentiven, como a mellora das comunicacións. Nestes ámbitos está a traballar o noso Goberno Municipal. Este foi, ademais, un ano no que se produxeron avances en proxectos importantes como a Escola Infantil, o Centro de Día e Residencia de Maiores, o Local Social de Sismundi ou a mellora da estrada na curva da Ortigueira. No ámbito sociocultural a administración municipal fixo tamén un esforzo salientable, con iniciativas como a coordinación das festas de verán (que contaron coa colaboración inestimable dos colectivos veciñais), o ciclo Cinemas de Galicia ou a Mostra de Teatro. Un proxecto que pode ser relevante para Cariño e a comarca, o Xeoparque de Cabo Ortegal, recibíu tamén un impulso coas recentes xornadas promovidas polo Concello. Polo demais, non é o obxectivo desta entrada ofrecer un balance da actuación do Goberno Municipal, que agardamos levar a cabo nun futuro próximo.

Como en cada final de ano, nesta entrada queremos tamén lembrar ás persoas relevantes da esquerda que nos deixaron ó longo de 2016. A máis controvertida e poliédrica de todas elas é sen dúbida a de Fidel Castro, perda especialmente sentida entre persoas de militancia comunista pero cuxas contribucións a unha sociedade máis xusta –que sen dúbida as tivo- deben ser recoñecidas polo conxunto da esquerda e da sociedade, o cal non resulta incompatible, por suposto, coa crítica a aspectos moito menos positivos do seu legado. Pero neste ano 2016 perdemos tamén a persoas comprometidas –na comarca, en Galicia, en España e no ámbito internacional- co socialismo, o progresismo e as causas da esquerda, xa fose dende a militancia, dende a xestión política ou dende a reflexión intelectual. Pedindo desculpas polas omisións involuntarias, queremos lembrar aquí a Ramón Almagro, Francisco Bellón, Javier Carballo Oseira, Roberto Casteleiro, Manuel Lamas Soto, Blanca Quintanilla Rico, Daniel Romero López, María Teresa Alvajar, Fermín Bouza Álvarez, Bibiano Morón, Celestino Poza, José Rábade Arias, José Ángel Vázquez Urtiaga, Rubén Almeida, Antonio Asunción, Francisco García Salve, Enrique Hinojosa Vázquez, Carmen Lafuente Rubio, Marcos Ana, Juan Carlos Rodríguez, José Luis Serrano Moreno, Tomás Tueros, Jo Cox, Umberto Eco, Darío Fo, Víctor Mora, Alan Rickman e Ellen Meiksins Wood.

Coa presente publicamos un total de 55 entradas nesta web durante o ano 2016. Se as distribuísemos de maneira homoxénea –que non é o caso- ó longo dos 365 días deste ano bisiesto, darían unha media dunha entrada cada 6,63 días. Destas 55 entradas, 49 estiveron acompañadas de imaxes mentres que as 6 restantes tiveron unicamente texto. En canto á distribución temática, a maior parte das entradas (33) versaron sobre política municipal e asuntos locais. Os asuntos de política provincial e autonómica mereceron 8 entradas, mentres que outras 9 xiraron en torno á política estatal. En canto a entradas seriadas, Pensar dende a esquerda acolleu unha entrada e Coñecer o noso outras dúas. Por último, unha entrada versou sobre esta páxina web e a outra é a que agora estás a ler.

Rematamos este balance anual dende a Agrupación Socialista de Cariño agradecendo a túa visita a esta páxina e cos nosos mellores desexos para o 2017. Probablemente as cousas tampouco serán fáciles, pero seguiremos achegando o noso esforzo decidido para melloralas.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.