25 aniversario da Segregación

Share Button

O Concello de Cariño cumple hoxe os 25 anos de idade. O 21 de xaneiro de 1988, despois dun proceso de seis anos promovido pola Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño, o Consello da Xunta de Galicia presidida polo socialista Fernando González Laxe daba luz verde á creación do novo Concello. Durante eses seis anos (1982-1988) presidíu a Asociación de Veciños e liderou o proceso o noso compañeiro e exalcalde José Luis Armada Castro.

A reivindicación dun concello propio non era nova en Cariño e nas súas parroquias máis próximas. No ano 1919 publicáronse 14 números dun xornal titulado El Pueblo de Cariño nos que a cuestión da segregación estivo presente de maneira constante, chegándose incluso a afirmar que a creación do Concello de Cariño sería unha realidade inminente.

A dictadura franquista curtou completamente estas reivindicacións, que rexurdiron trala morte do dictador ó abeiro de iniciativas como a revista Nordeste ou de conflictos como o do Instituto de Secundaria.

A elección dunha nova directiva na Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño en 1982 supuxo o inicio do proceso de segregación que remataría de maneira exitosa o 21 de xaneiro de 1988. Foi un proceso aberto e plural, no que colaboraron moit@s veciñ@s tanto formando parte da directiva da Asociación como a título individual. Houbo fitos significativos que figuran na memoria colectiva da nosa cidadanía, como a recollida de sinaturas a prol da segregación á porta do edificio da Cofradía. No proceso colaboraron tamén outras persoas de fora de Cariño, como Eduardo Rego, actualmente profesor de Socioloxía na Universidade da Coruña, que naquel entón residía no noso pobo e foi durante un tempo Secretario da Asociación. A asesoría xurídica correu a cargo do gabinete de Eduardo García de Enterría, un dos xuristas españois máis importantes da época contemporánea. A maioría da cidadanía cariñesa prestou tamén a colaboración cando foi requerida pola directiva da Asociación.

Producida a segregación, o primeiro goberno do novo Concello formouse aplicando os resultados que se rexistraran nas mesas das súas cinco parroquias nas eleccións municipais do ano anterior (1987). O noso compañeiro José Luis Armada, daquela xa concelleiro socialista no antigo Concello de Ortigueira, convertíuse no primeiro Alcalde de Cariño. Outros membros da directiva da Asociación formaron parte dos sucesivos gobernos municipais do novo Concello, principalmente nas filas do noso partido (Pancho Pita Barge, Lorenzo Fojón López e Manuel Filgueira Pernas) e, no caso de Manuel Varela Loureiro, nas do BNG.

A cidadañía cariñesa concedeulle ó noso partido a responsabilidade e o privilexio de gobernar o Concello de Cariño en 15 dos 25 anos de autonomía municipal, sempre na condición de forza máis votada. A avaliación que facemos destes 25 anos de Concello propio é claramente positiva; o progreso e a transformación experimentados polas cinco parroquias que compoñen o Concello é incuestionable, e levan o noso selo nunha parte fundamental. Aínda que discrepásemos no seu día de moitas decisións tomadas polos gobernos do PP de Tallón Cabana, e aínda que discrepemos tamén das políticas do actual goberno do BNG, estamos satisfeit@s co balance global destes 25 anos de independencia municipal. A segregación foi unha boa decisión.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño temos previsto desenvolver ó longo deste ano un programa de actividades con motivo deste 25 aniversario da segregación. En concreto, temos prevista a celebración de tres eventos en datas separadas que iremos anunciando proximamente. O primeiro deles será un acto conmemorativo, cuios detalles daremos a coñecer en breve. En segundo lugar, temos prevista a celebración dunha mesa redonda para lembrar e debatir a experiencia da segregación e o seu contexto histórico-político. Finalmente, prevemos a organización dun terceiro evento de tipo documental e memorialístico, no que difundiremos material gráfico, hemerográfico, documental e audiovisual relacionado coa segregación (a imaxe que acompaña a esta entrada é unha pegatina creada naquelas datas pola Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño). Tanto esta páxina web como o noso perfil de Facebook servirán ó longo de todo este ano para difundir estes eventos, facer crónica dos mesmos e reflexionar sobre esa experiencia inesquecible –patrimonio de toda a cidadanía deste Concello- que foi a segregación. Quedas convidad@ a participar.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.