282.000 euros de superávit: intervención do Grupo Municipal Socialista no Pleno do venres 12-04-2013

Share Button

O segundo punto da Orde do Día do Pleno celebrado o pasado venres 12 de abril foi a Dación de Conta da Liquidación do Orzamento de 2012, que amosa un superávit de máis de 282.000 euros. Reproducimos a continuación a intervención do voceiro do Grupo Municipal Socialista en dita sesión plenaria.

Este punto da Orde do Día consiste nunha Dación de Conta e polo tanto non se somete a votación. Sen embargo, o Grupo Municipal Socialista estima necesario traer a este Pleno a súa valoración política dos resultados que aquí se presentan. A liquidación do presuposto de 2012 amosa un superávit ou remanente positivo de 282.811 euros, que deberán destinarse á amortización de débeda bancaria.

Dende a súa toma de posesión, a Alcaldesa de Cariño adicouse a difundir de maneira sistemática un discurso alarmista sobre a situación contable do Concello. Con este discurso, a Alcaldía pretendía un doble obxectivo. Por un lado, desacreditar a xestión do anterior goberno bipartito liderado polo noso partido. Por outro, ter unha excusa para xustificar as evidentes carencias da súa xestión.

Os feitos e as decisións adoptadas polo actual Goberno Municipal pretendían ser coherentes con ese discurso, trasladando a idea de que, efectivamente, os recurtes e os enormes defectos que presentaba a xestión municipal eran resultado exclusivo dunha situación económica crítica.

Hoxe dase conta aquí dunha liquidación de orzamento cun superávit de case 300.000 euros (50 millóns das antigas pesetas). Sen embargo, estas cifras, Sra. Alcaldesa, non son resultado da súa boa xestión. Estas cifras son o resultado de suprimirlle á cidadanía cariñesa dereitos e servizos básicos ó longo destes dous anos. Se o goberno municipal prestase estes servizos de maneira normal, probablemente o resultado da liquidación sería de equilibrio presupostario, como sucedía nos últimos anos da nosa etapa á fronte do Concello.

Pero o seu goberno municipal optou por situar a Cariño nun estado de anormalidade permamente. Cariño non conta hoxe cunha Escola Infantil porque o seu goberno retrasou o pago e recurtou en 3000 euros a subvención, negándose posteriormente a apoiar unha moción do Grupo Socialista que garantía a continuidade de dito servizo. A cidadanía de todo o Concello padece dende hai meses continuos apagóns e fallos no alumado público. As rúas atópanse nun estado lamentable, ó igual que importantes instalacións municipais como o pavillón polideportivo. Vostede chegou a propor en público o peche da piscina municipal, que por certo presta un servizo deficiente con queixas continuas pola baixa temperatura da auga, provocando a baixa de moitos usuarios. As praias do Concello estiveron sen servizo de socorrismo durante boa parte do pasado verán.

Mandaron ó paro a varios traballadores do Concello ós que agora probablemente terán que indemnizar. Retiraron axuda económica a familias que se atopaban nunha situación moi delicada. A Oficina de Información Turística leva dous veráns pechada. Eliminaron o proxecto da Aula do Mar. O verán pasado suprimíronse a Festa da Caldeirada e da Sardiña Lañada e o Ortegal Rock. Cambiouse o proxecto da Praza da Pulida por un de inferior calidade que, dito sexa de paso, estase a executar con considerable retraso provocando as queixas da veciñanza afectada. O actual Goberno Municipal ata privou ós nenos e nenas deste Concello dunha árbore de Nadal, regateándolles o mísero consumo dunhas bombillas Led. Poderíamos seguir con moitos exemplos máis, pero penso que o dito é suficiente para exemplificar a que foi e está sendo a liña de actuación deste Goberno.

Todo esto fíxose cunha liquidez nos bancos que sempre estivo por encima dos 500.000 euros. Por outro lado, a práctica totalidade das taxas e impostos que se pagan neste Concello subíuse de xeito considerable, nun momento de gran dificultade para moitas familias pola crise económica que estamos a padecer.

Vostede quizá está satisfeita deste superávit de 282.000 euros. Nós cremos que en absoluto constitúe un motivo de orgullo. Vostede afirmou onte na prensa que “A primeira obriga que temos os concellos é pagarlles aos bancos”. O noso Grupo considera que a primeira obriga dun Concello é traballar para a súa cidadanía e prestarlle os servizos que merece.

Vostedes teoricamente representan a un partido de esquerdas, pero na práctica encarnan a versión local das políticas que, promovidas pola señora Merkel e os grandes grupos de presión financeiros, están arruinando a Europa, sumíndoa nunha crise económica e social de dimensións imprevisibles. Está nas súas mans seguir por este camiño. Quizais siga contando coa colaboración e a complicidade do PP cariñés, pero, dende logo, seguirá contando coa firme oposición do Grupo Municipal Socialista.

  

Asdo. José Luis Armada Castro

Voceiro do Grupo Municipal Socialista

Cariño, 12 de abril de 2013

   

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.