A crise do ébola: feitos que non deben repetirse

Share Button

altA actualidade destas últimas xornadas está protagonizada pola enfermidade do ébola e o contaxio sufrido pola enfermeira Teresa Romero, despois de atender ó misioneiro Manuel García Viejo, repatriado dende Sierra Leona e falecido en Madrid. Visto o resultado, resulta evidente que o Goberno de Rajoy cometeu unha imprudencia inadmisible ó desatender as opinións autorizadas que recomendaban a non repatriación e a conveniencia de prestar a atención sanitaria no lugar de orixe da pandemia.

Co presente caso o Partido Popular suma un exemplo máis ó seu historial de situacións críticas xestionadas de maneira nefasta, que non paga a pena repasar aquí. É evidente que algunhas destas traxedias –non así outras, dende logo- poden ocurrirlle a calquer goberno, pero a actitude do PP caracterízase por unhas constantes que adoitan repetirse dunha ocasión a outra: manipulación informativa e declaracións totalmente desafortunadas, improvisación e toma de decisións erróneas, culpabilización da parte máis débil e allea á cadea de decisión política (o patrón do Prestige, os maquinistas do metro de Valencia e do Alvia, a enfermeira Teresa Romero e o seu can Excalibur…) e a habitual ausencia de ceses ou dimisións, como se o feito de manterse no cargo a toda costa implicase que a persoa cuestionada carece de responsabilidades políticas.

A actitude da dirección federal do noso partido, co Secretario Xeral Pedro Sánchez á cabeza, está sendo de prudencia e crítica de perfil baixo, o que por un lado resulta comprensible aínda que cabe tamén preguntarse se elo resposta ás expectativas e á indignación palpable que vén amosando a cidadanía. Como escribía en días pasados un coñecido columnista, quizais non sexa o máis axeitado ser responsable con quen amosa unha actitude completamente irresponsable. Aínda asumindo que a palabra dimisión non existe no código de comportamento do PP, é evidente que a estas alturas deberían ter sido cesados tanto a Ministra Ana Mato como o Consejero de Sanidad da Comunidad de Madrid polas súas declaracións completamente impresentables. Pola nosa parte, queremos desexar a recuperación da enfermeira Teresa Romero e o diagnóstico favorable de tódalas persoas que se atopan baixo observación. Ó mesmo tempo, demandamos o cese de recurtes na sanidade pública e a dotación dos medios necesarios para o tratamento destes e outros casos similares, así como un acordo internacional para o envío da axuda económica, médica e humanitaria que África precisa para atallar esta pandemia.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.