A nosa análise dos resultados electorais

Share Button

Queremos comezar esta entrada felicitando ó Partido Popular polos resultados obtidos. A súa victoria na xornada de onte foi contundente, gañando na inmensa maioría das provincias españolas e en tódalas comunidades autónomas salvo Euskadi e Cataluña.

En Cariño o PP tamén gañou claramente as eleccións, obtendo 1248 votos. O noso partido obtivo 699 e o BNG 341; son tamén significativos os 45 votos obtidos por Izquierda Unida. Se comparamos os resultados cos das Eleccións Xerais de 2008, hai que dicir que o noso Concello reproduce a tendencia rexistrada no resto de España: un lixeiro ascenso do PP e unha importante caída do PSOE. Sen embargo, dende 2008 pasaron moitas cousas (cambios nos gobernos autonómico e municipal, unha fortísima crise económica de alcance mundial, etc.), polo que é tamén aconsellable analizar os resultados á luz de acontecementos máis recentes.

O PSOE obtivo onte catro votos menos que nas pasadas eleccións municipais (703 en maio e 699 onte). É evidente que os resultados non son satisfactorios. Sen embargo, o noso partido recupera a posición hexemónica entre o electorado progresista cariñés. Ó mesmo tempo, esta lixeirísima variación do resultado amosa que mantemos un electorado fiel, unha base social sólida que constitúe o punto de partida para recuperar o apoio do que temos desfrutado en momentos anteriores. Hai moito traballo por diante.

O PP obtivo onte 412 votos máis que nas anteriores eleccións municipais (836 en maio e 1248 onte). Estes resultados deberían suscitar no PP cariñés unha profunda reflexión. Deben preguntarse por qué o seu partido, obtendo en Cariño maioría absoluta nas eleccións europeas de 2009 e nas xerais de 2011, nin sequera foi capaz de ser a forza máis votada nas municipais do mes de maio. Parece obvio que a política que practicaron na pasada lexislatura -boicot a proxectos de máximo interese público como a Residencia e o anterior Local Social de Maiores; instrumentalización política da Cofradía; presenza en internet cando menos discutible dende o punto de vista ético…- non goza de aceptación entre moit@s dos seus simpatizantes. Está por ver se a actitude seguidista e acrítica que manteñen co actual goberno do BNG é o camiño máis axeitado para recuperar o poder municipal que perderon hai xa tres lexislaturas.

Por último, o BNG descende 596 votos con respecto ós pasados comicios municipais. É difícil atopar un descenso tan brusco en dúas contendas electorais seguidas na historia democrática do noso Concello. Evidentemente, os resultados non son extrapolables, pero tamén parece obvio que a política desnortada e valeira que practica o actual goberno municipal non axuda á consolidación dun electorado nacionalista en Cariño. Neste caso, a fonda desilusión que se palpa na rúa tivo un reflexo claro nos resultados electorais de onte.

Polo demais, os resultados do BNG son preocupantes mesmo a nivel galego. Como sinalou Beiras hoxe mesmo, o BNG é o único partido de esquerdas que non rentabiliza a caída do PSOE. Nun contexto que a priori podería resultarlles favorable, perden case 34.000 votos con respecto ós comicios de 2008, descenden tamén en apoio porcentual e non consiguen apañar ningún dos catro escanos que perde o PSOE en Galicia.

Xirando a reflexión a unha escala estatal, o PSOE equivócase se pensa que pode respostar ós resultados electorais de onte cun cambio meramente cosmético. Son necesarios cambios profundos, e os propios resultados electorais sinalan o camiño a seguir. Mentres o PP sube algo menos de 500.000 votos con respecto ás eleccións de 2008, o noso partido perde case 4.350.000. Non se produce, polo tanto, un xiro á dereita do electorado español, senón unha fuga do electorado socialista cara á abstención ou a forzas como Izquierda Unida e outros partidos minoritarios. O demais é producto dunha lei electoral inxusta: Izquierda Unida medra máis de 700.000 votos e obtén un incremento de 9 deputad@s; o PP, medrando menos de 500.000, obtén un incremento de 32. Por poñer un exemplo, nun sistema sen circunscricións electorais, como o que se emprega nas eleccións europeas, o PP non obtería a maioría absoluta e quedaría con 26 deputad@s menos, mentres que o PSOE vería reducida a súa representación en sete deputad@s. Podes ver aquí a composición dese hipotético Congreso:

http://fotos.lainformacion.com/politica/elecciones-nacionales/elecciones-20n-asi-quedaria-el-parlamento-si-todos-los-votos-valieron-lo-mismo_fJNCR6KkMZD8sasPevek06/

Así as cousas, o noso partido debe recuperar as relacións cos movementos sociais, os sindicatos e as outras forzas de esquerda; construir un discurso e un programa sólidos orientados especialmente ó mundo do traballo (persoas asalariadas, autónomos, pequen@s empresari@s e desempregad@s); afrontar unha profunda renovación de caras e cargos públicos; abandeirar medidas que profundicen na democracia real, na transparencia e na dignificación da actividade política; devolverlle o protagonismo á militancia, promovendo o debate interno e dinamizando as agrupacións locais… Dende a Agrupación Socialista de Cariño aportaremos o noso gran de area.

Rematamos esta análise facendo nosas as palabras que publicou o noso compañeiro Iván Puentes, exalcalde de Fene, no seu perfil de Facebook: No primeiro minuto seguinte a unha derrota empeza un traballo apaixonante, levantarse e construír a nova alternativa. Este país segue sendo de esquerdas e os socialistas seguimos sendo un partido moi forte, a voz de millóns de traballadores/as no Parlamento. Poñámonos mans á obra xa!

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.