A rúa fala. Crónica da charla-coloquio con Francisco Caamaño e José Miguel Alonso

Share Button

altTal e como anunciáramos xornadas atrás, o pasado sábado 28 de febreiro @s socialistas cariñeses organizamos unha xornada de encontro coa cidadanía para compartir as principais preocupacións sobre o presente e futuro das nosas administracións públicas, facendo especial fincapé nas máis achegadas á xente: os concellos.

O acto, presentado e moderado de xeito maxistral polo recoñecido periodista cariñés Antón Luaces, contou coa participación do ex ministro de Xustiza Francisco Caamaño e do noso Secretario Xeral e candidato á alcaldía de Cariño José Miguel Alonso Pumar. A sala acabou resultando pequena para albergar a numerosa afluencia de veciñ@s que decidiron achegarse. Como amosan as imaxes que acompañan a esta entrada, o público ateigaba incluso a zona de acceso e houbo persoas que tiveron que seguir o acto en pé. Este cheo demostra que os cariñeses e cariñesas non son alleos á transcendencia do momento que nos toca vivir. O futuro está en xogo.

Comezou Caamaño facendo unha breve presentación do seu último libro Democracia Federal. Apuntes sobre España, á que seguíu unha explicación xeral sobre as características do modelo de Estado federal, onde as alianzas entre rexións son creadas de abaixo a arriba, procurando puntos en común cara o progreso, en oposición a un modelo autonómico creado dende a centralidade, é dicir, de arriba cara abaixo. Esta última forma de concepción estatal acaba por xerar tensións territoriais por seren as alianzas impostas, non emanadas do pobo de forma natural.

Logo, e a preguntas do moderador, o noso candidato Alonso Pumar esbozou de xeito sintético algunhas das súas ideas sobre o futuro desenvolvemento económico de Cariño, dende o sector pesqueiro ata o modelo industrial, pasando polas novas alternativas de emprego.

Finalmente chegou a quenda do debate aberto coa cidadanía, algo que @s socialistas cariñeses entendemos fundamental nunha formación política seria e propia do século XXI. No coloquio tocáronse temas tan interesantes como os servizos sociais locais, as deficientes conexións por estrada, o turismo e, por suposto, o emprego. Ou, para ser máis exactos, o desemprego, que é con moito a lacra que máis nos preocupa na actualidade @s socialistas de Cariño.

Aproveitando a presenza de Caamaño formuláronse outras cuestións de actualidade, como as referidas ás tensións territoriais entre os gobernos de Cataluña e o goberno central ou a reforma do artigo 135 da Constitución.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos amosar o noso agradecemento ós ponentes e ó moderador do evento e, sobre todo, ás ducias de veciñ@s que unha vez máis respostaron de maneira entusiasta e participativa, amosando o seu fondo interese polos actuais problemas que o noso concello padece, así como polas posibles alternativas para acadar un futuro mellor. Nós traballaremos arreo para facer realidade tal posibilidade, poñendo o mellor de nós cada día. Neste sentido, o acto do pasado sábado amosa dúas importantes pautas a seguir: atención prioritaria e escoita das demandas da cidadanía, e colaboración con persoas de elevada capacitación profesional e política que podan achegar valor ó noso proxecto.

Porque, entre tod@s, temos que recuperar Cariño.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.