Achegas para un fondo bibliográfico local: poemario sobre o Cabo Ortegal

Share Button

Como xa terás comprobado, habitualmente empregamos a nosa web para informar do que se publica sobre o noso Concello. Temos tantas cousas boas e interesantes a nivel paisaxístico, xeolóxico, histórico, etc. que, co paso do tempo, o volume de material publicado é notable.

 

Vivimos na sociedade da información. Temos moita información e moito coñecemento ó alcance da man. Por esta razón, son necesarios recursos e ferramentas que nos permitan a reunir, ordear e conservar dita información. En breve será necesario unir esforzos.

 

Dende hai anos veñen dándose pasos nesta liña. Na nosa primeira lexislatura á fronte do Concello, hai xa vinte anos, a recén creada institución municipal contratou ó historiador Ánxel Rosende para crear un Fondo Documental, que constitúe un primeiro acopio de documentación histórica. A Biblioteca Municipal conta asemade cun fondo bibliográfico local. Algunhas personas, a título individual e de xeito meritorio, andan a recopilar fotografías, imaxes de vídeo e outros materiais para difundilos na rede.

 

Sen dúbida, existen uns bos alicerces para a creación dunha iniciativa máis sistemática e ambiciosa, como podería ser un fondo bibliográfico-documental municipal que reúna -e dixitalice cando proceda- todo o publicado sobre o noso Concello e, tamén, materiais diversos como fotografías e outros soportes audiovisuais, folletos, fondos hemerográficos, etc. O Concello podería liderar a iniciativa, pero moitas persoas a título individual así como colectivos deberían xogar un papel fundamental na mesma. Dende a Agrupación Socialista de Cariño poderiamos aportar tamén o noso gran de area. E, por suposto, como partido de goberno, excusamos dicir que é o noso desexo promover dende o goberno municipal unha iniciativa deste tipo no futuro máis próximo.

 

Mentres tanto, queremos seguir contribuindo modestamente ó coñecemento do que se publica sobre as terras do noso Concello. A publicación trimestral A Trabe de Ouro inclúe no seu número 81, correspondente ó primeiro trimestre de 2010, un poemario que leva por título Ortegal, obra de Xiao Roel.

 

A Trabe de Ouro, cuio subtítulo é Publicación Galega de Pensamento Crítico, está dirixida polo escritor e Presidente da Real Academia Galega X. L. Méndez Ferrín e conta no seu Consello de Redacción con escritores e investigadores do prestixo de Francisco Sampedro, Xavier Vence, Margarita Ledo ou Carlos García Martínez, entre outros. Podes consultar os índices da revista aquí:

 

http://dialnet.unirioja.es/servlet/revista?codigo=3232

 

Xiao Roel, autor do poemario, é filólogo e profesor de ensino medio. A súa contribución ocupa as páxinas 109 a 119 do citado número da revista. Ofrecémoste os versos finais do poemario:

 

Nos Aguillóns saben de todo este seguir

do tempo porque é noso abismo persoal

pedra angular deste meu repousar en paz

co mundo e contigo aquí neste ollo

craro que por ti brilla xigante Ortegal.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.