Acto conmemorativo do 25 aniversario da Segregación

Share Button

O vindeiro sábado 2 de marzo ás seis da tarde terá lugar no Auditorio Municipal o acto que a Agrupación Socialista de Cariño organiza para conmemorar o 25 aniversario da creación do Concello de Cariño.

O acto será presentado polo xornalista cariñés Antón Luaces Teixido e abrirase con dúas breves intervencións. En primeiro lugar tomará a palabra Ana Fachal Fraguela, Secretaria Xeral da Agrupación Socialista de Cariño. A continuación intervirá José Luis Armada Castro, Presidente da Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño no período 1982-1988 e primeiro Alcalde de Cariño (1988-1995 e 2003-2011).

A continuación terá lugar a actuación do dúo de guitarra clásica composto polas cariñesas Mónica Pita e Ana Yáñez.

De seguido faremos entrega dun recoñecemento ás persoas que integraban a directiva da Asociación de Veciños San Bartolo de Cariño na data da Segregación (21 de xaneiro de 1988), que serán convidadas a subir ó escenario.

A música voltará de novo a escea para pechar este acto conmemorativo, esta vez da man dos cariñeses Andrés Piñeiro, Alberto Piñeiro, Alberto Iglesias, Miguel Alonso, Hixinio Cabarcos e Juan Manuel Garrote, que coas súas voces, guitarras e baixo interpretarán versións acústicas dalgúns clásicos do rock e do blues.

Con este acto queremos aportar o noso gran de area á conmemoración dunha data tan sinalada como é o 25 aniversario da creación do Concello de Cariño. Temos que expresar de maneira moi especial o noso agradecemento a tódalas persoas que desinteresadamente colaboran para festexar estes 25 anos de independencia municipal. Quedas convidad@ e gostaríanos moito contar coa túa asistencia. Asemade, nos vindeiros días convidaremos formalmente a tódalas forzas políticas que teñen representación na Corporación Municipal, así como ós colectivos e entidades do noso Concello.

Este é o primeiro dos actos que ó longo deste ano temos pensado celebrar con motivo do 25 aniversario da segregación. Estamos a traballar tamén na organización dunha mesa redonda e dun acto de tipo documental e memorialístico, destinado a divulgar material gráfico, hemerográfico e audiovisual relacionado coa segregación e con estes 25 anos de historia municipal. Iremos informando no futuro destes outros eventos.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.