Acto informativo en Cerdido sobre as sancións tributarias ós emigrantes retornados

Share Button

altComo non podía ser doutro xeito, o socialismo do Ortegal comeza o ano traballando. Este venres 3 de xaneiro, os dinámicos compañeiros da Agrupación Socialista de Cerdido celebran un acto informativo sobre as sancións tributarias ós emigrantes retornados. O acto contará coa presenza de Paula Fernández Pena, senadora do PSdeG por designación autonómica, e terá lugar na antiga escola de O Castro, en Cerdido, ás catro da tarde (16 h.). Os compañeiros de Cerdido convidan a participar tódalas persoas interesadas da comarca.

Como xa informamos nesta páxina web, nunha entrada titulada Sobre as débedas tributarias dos pensionistas emigrantes retornados e publicada o pasado 14 de outubro, o goberno do Partido Popular puxo en marcha hai meses unha campaña recadatoria destinada a regularizar a situación fiscal dos emigrantes retornados que está tendo especial incidencia en áreas que, caso de Galicia, experimentaron un éxodo importante a outras áreas de Europa nos anos 60-70. Moitas persoas, actualmente retornadas e xubiladas, cobran pensións procedentes do extranxeiro –de cuantía variable- polos anos que traballaron alí. A información que recibiron moitas destas persoas en relación á obriga de tributar por estas percepcións non resultou, na maioría casos, suficientemente clara. En ocasións, parece que foi nas propias oficinas da Axencia Tributaria onde se lles comunicou a non obligatoriedade de declarar ditas percepcións. Agora o Ministerio competente ven reclamándolles a posta ó día das súas obrigas tributarias dos últimos cinco anos, reclamación que chega en moitos casos acompañada de sancións económicas. Dentro do noso Concello tivemos coñecemento dun número significativo de persoas afectadas.

O mesmo goberno que impulsou unha amnistía fiscal para que os ricos puidesen blanquear o diñeiro defraudado á facenda pública estase cebando con quen menos o merece: con persoas humildes que traballaron duramente, que tiveron que emigrar a Suiza ou Alemania para labrarse un futuro, que retornaron a España e achegaron o seu gran de area para facer un país mellor, e que aínda hoxe –nun momento de auténtica emerxencia social- fan unha contribución decisiva ó sustento das súas familias.

A senadora socialista Paula Fernández Pena, que estará o venres en Cerdido, é unha das persoas que, no ámbito político, está mantendo un maior compromiso na procura dunha solución satisfactoria a este problema, con intervencións no Senado e charlas informativas por toda a xeografía galega. Fernández Pena defendeu no Senado unha iniciativa, rexeitada cos votos do Partido Popular, que pretendía dar solución a este caos tributario, que os pensionistas contasen coas mesmas facilidades que recibiron os grandes defraudadores e limpar a imaxe dos afectados evitando que se lles trate como a delincuentes fiscais. Segundo ela defendeu na súa intervención na cámara, o colectivo de inmigrantes retornados debería ter sido informado en 2008 de que facían mal as súas declaracións e así non sería necesario sancionalos cinco anos despois. Estas persoas “síntense marionetas dunha estratexia recadatoria inmoral e miserable perfectamente planificada e destinada a facer caixa con sancións inxustas”.

O noso partido reclama que as persoas afectadas podan regularizar a súa situación fiscal ó ritmo e coas facilidades que a súa situación persoal, social e económica esixe; que non sexan sancionadas; e que a Axencia Tributaria recoñeza que actuou incorrectamente e ten, polo tanto, unha parte importante de culpa nesta situación.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.