Actos de homenaxe a Ángel Rodríguez Leira, Cariño López

Share Button

A homenaxe cariñesa a Ángel Rodríguez Leira, alias Cariño López, da que se viña falando dende hai uns meses, terá lugar finalmente o vindeiro sábado, 22 de maio. A organización dos actos corre a cargo do Concello de Cariño, coa colaboración da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica.

 

Como seguramente lembras, Cariño López foi un dos combatentes que liberou París das tropas fascistas durante a Segunda Guerra Mundial, formando parte da compañía “A Nove”. De feito, o acto quere ser unha homenaxe non só a Rodríguez Leira, senón tamén a tódolos que loitaron pola liberdade.

 

Os actos comezarán as 12 da mañá cunha recepción institucional no Concello, que irá seguida da colocación dunha placa de homenaxe no Paseo Marítimo, ás 13 horas. Ás 14:30 terá lugar un xantar de confraternidade no Restaurante Garampín.

 

Pola tarde, a partir das 18 horas, celebrarase unha charla-coloquio no Auditorio Municipal, na que participarán Robert Coale (Profesor na Universidade de París), Ángel Rodríguez (fillo do homenaxeado), Eliseo Fernández (historiador) e Fernando Souto (Secretario da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica).

 

Tódolos actos son públicos e abertos. As persoas que desexen asistir ó xantar de confraternidade, poden inscribirse nas oficinas da Casa do Concello ata o 18 de maio; o prezo do menú é de 15 euros por persoa.

 

Se precisas máis información, podes achegarte á Casa do Concello ou chamar ó teléfono 981 40 50 64.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.