Actualidade municipal: varias noticias relevantes

Share Button

Nesta entrada repasamos varios asuntos relevantes da actualidade municipal.

Como xa saberás, vén de anunciarse que os concellos do Ortegal acollerán este verán, concretamente o día 23 de agosto, unha etapa da Volta Ciclista a España. Será concretamente a cuarta, que leva o nome de Betanzos-San Andrés de Teixido e que constará de 161 quilómetros, pasando por Miño, Pontedeume, A Capela, As Pontes, o alto de Monte Caxado, Ortigueira, Cerdido, Valdoviño e Vixía Herbeira, rematando en territorio cariñés. O trazado inclúe tres portos de montaña, dous de terceira categoría e un de segunda.

Os organizadores desta cita deportiva –unha das máis importantes a escala mundial no ámbito do ciclismo- definen o trazado como espectacular e destacan que será retransmitido a 190 países de todo o mundo, con picos de audiencia do 18 % en España e superiores en Bélxica, Holanda ou Dinamarca. A Deputación da Coruña patrocina dúas etapas da Volta e os seus responsables salientaron, nun acto celebrado en Santiago de Compostela, a importante promoción turística que suporá a citada etapa para o Ortegal, agardándose o aloxamento de máis de 1.500 persoas na zona. Nunha dirección semellante manifestouse o noso Alcalde, José Miguel Alonso Pumar, en declaracións ós medios.

Por outra parte, este venres 15 de xaneiro o popular músico e escritor Xurxo Souto presenta en Cariño o seu libro Contos do Mar de Irlanda. O acto, orientado a tódolos públicos e que recomendamos vivamente, terá lugar ás 7 da tarde no Local Social do Concello. Ese mesmo día, ás 11:30 da mañá, celebrarase no Auditorio Municipal unha presentación orientada ó alumnado do IES Cabo Ortegal, que irá acompañada da proxección do documental Dos Gaiteiros do Mar.

Outra noticia que o Concello deu a coñecer estes días é a incorporación dunha moto Yamaha de 650 cc ó parque móvil municipal para o servizo de Policía Local. A adquisición destas motocicletas e a súa cesión a diversos concellos –na comarca, ademais de Cariño, tamén ós de Cedeira, As Pontes e Valdoviño- é unha iniciativa da Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza da Xunta de Galicia para apoiar o labor que desempeña a policía local nos concellos galegos.

Por último, tamén estes días deuse a coñecer publicamente a renuncia de Montserrat Pérez Pena como concelleira e voceira municipal do Partido Popular, por “motivos estrictamente personales” segundo se afirma na páxina de Facebook dos populares cariñeses. Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos expresar o noso máximo respecto por esta decisión persoal e o noso recoñecemento polo traballo realizado, con independencia de que discrepásemos con frecuencia como é ben coñecido.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.