Adeus a Público

Share Button

Corren tempos difíciles para a prensa progresista e de esquerdas. Nos últimos tempos, tivemos que lamentar nesta web o peche de Vieiros, A Nosa Terra, Xornal de Galicia ou Galicia Hoxe. Unha das revistas clásicas do pensamento e a cultura de esquerdas, El Viejo Topo, anunciaba no editorial do mes de febreiro que, por primeira vez en máis 30 anos, as súas páxinas perden a cor e pasan a publicarse en grises; as razóns son quebra da súa empresa distribuidora nos quioscos e sobre todo a cancelación, por parte do Goberno de España, do programa de suscricións a bibliotecas, que lle permitía colocar cada mes 1400 exemplares nas bibliotecas do país.

Agora tócalle o turno ó diario Público. O xornal, que se atopaba á busca de inversores para paliar a súa difícil situación económica motivada pola crise publicitaria, publicou o pasado venres 24 o seu último número en papel. De momento mantén a súa edición dixital, que está situada en cuarto lugar nas webs de información xeral en España.

Nos seus máis de catro anos de existencia, Público consolidou un proxecto xornalístico de calidade e con persoalidade propia no ámbito da esquerda. Fixo unha aposta clara por temas que soen atopar un eco inferior noutros xornais, como a saída da crise dende unha ópica progresista, a defensa do estado do benestar, a denuncia contundente da corrupción, a memoria histórica ou a ciencia. As súas promocións das fins de semana foron fundamentalmente DVDs e libros, con coleccións de notable calidade como Pensamiento crítico, Colección Vázquez Montalbán, Voces críticas, Premios Nobel, Biblioteca de la República ou Literatura Prohibida.

Público foi tamén, a miúdo, un xornal incomprendido. Para algúns sectores do noso partido era un xornal demasiado á esquerda, afín a Izquierda Unida e a outras forzas minoritarias. Sen embargo, estes outros sectores soían acusalo de ser un xornal pro-PSOE. Para nós era, simplemente, un xornal de esquerda plural, que daba voz ás diferentes sensibilidades do espectro progresista. En numerosas ocasións recomendamos, nesta web ou en Facebook, os seus artigos e reportaxes.

A esquerda perde, pois, outro referente informativo. E, dende logo, debe ser motivo dunha análise profunda a dificultade do noso espectro sociopolítico para consolidar medios de comunicación afíns. A socialdemocracia precisa rearmarse e consolidar un proxecto propio para xogar forte no futuro que se aveciña. A sociedade necesítao. Neste contexto, xornais como Público eran, son e serán fundamentais. Como dicía estes días un dos seus colaboradores, “Público cierra, su necesidad permanece”.  Temos que estarlle moi agradecidos @s profesionais que fixeron posible o xornal en todo este tempo.

            

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.