Alcaldes e cargos públicos debaten en Cariño sobre turismo

Share Button

La Voz de Galicia e Radio Voz Ferrol, en colaboración co Concello de Cariño, celebran mañá un debate na nosa vila para analizar o potencial turístico do noso Concello en particular e das comarcas de Ferrolterra-Eume-Ortegal en xeral.

 

O coloquio comezará ás 9:30 h. da mañá nas dependencias municipais e será retransmitido en directo no programa Voces de Ferrol, de Radio Voz. Ademais do noso Alcalde, José Luis Armada, participarán os rexedores de Ferrol, Vicente Irisarri; Narón, José Manuel Blanco; Fene, Iván Puentes; Pontedeume, Gabriel Torrente; As Pontes, Valentín González; San Sadurniño, Secundino García; Valdoviño, Isabel Álvarez; Cedeira, José Luis Vergara; e os concelleiros Moeche Faustino Pita-Romero e de Ortigueira Mari Cruz Sabio. Participará tamén Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación da Coruña e presidente do Plan de Dinamización do Producto Turístico Ferrol-Ortegal e Eume.

 

O debate rematará ás 12 da mañá e, a continuación, os participantes, ós que se sumará o Alcalde de Ares, Julio Iglesias, realizarán unha saída no Aula do Mar, para coñecer de primeira man este proxecto e a riqueza paisaxística do noso Concello. De regreso a porto, os cargos públicos celebrarán un xantar de traballo en Cariño.

 

Durante o debate, o noso Alcalde porá sobre a mesa a posibilidade de explotar de maneira conxunta e coordinada os recursos turísticos da zona. A alcaldía cariñesa aposta por un catálogo conxunto en papel e en formato dixital que recolla as especificidades de cada Concello (tanto de tipo paisaxístico como gastronómico, histórico, etc.).

 

Estas actividades forman parte dun ciclo de debates que están a organizar os medios citados nalgúns concellos da comarca. O primeiro celebrouse en As Pontes e versou sobre industria. Nesta ocasión, o debate celebrado en Cariño versa sobre turismo e dará lugar, ó igual que na anterior ocasión, á publicación dun especial nas páxinas de La Voz de Galicia.

 

 

Máis información:

 

La Voz de Galicia

http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2010/05/19/0003_8493002.htm

 

http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2010/05/19/0003_8493003.htm

 

Páxina web municipal

http://www.concellocarino.org/aodia/nova.php?id=1219

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.