Ante unha nova campaña electoral

Share Button

Esta noite, a partires das 00:00 horas, comeza a campaña das eleccións xerais do 20 de novembro. Será a segunda campaña electoral deste ano, tralos comicios municipais do pasado mes de maio; sen dúbida, estamos nun ano politicamente intenso. A parte que máis nos interesa das campañas –e a que tentaremos seguir aquí- é o debate político, a confrontación de ideas, a explicación de programas.

Un dos momentos álxidos da campaña será sen dúbida o debate televisado entre os candidatos Rubalcaba e Rajoy, que terá lugar este luns 7 de novembro e estará moderado polo xornalista Manuel Campo Vidal (que xa moderou outros debates anteriores, como un dos celebrados na campaña de 2008 entre Zapatero e Rajoy). A primeira cadea anunciou ademais, para dous días despois, un novo debate entre os partidos que contan con grupo parlamentario (é dicir, con máis de cinco deputad@s). O PSOE xa anunciou que estará representado por Ramón Jáuregui, Ministro da Presidencia, mentres que por parte do PP acudirá Alberto Ruiz Gallardón.

En Cariño celebraremos algún acto público para presentar as propostas do noso partido para os vindeiros catro anos. Manterémoste informad@.

Por outro lado, este sábado celébrase no Pavillón Municipal de Sigüeiro, en Oroso, a II Festa Provincial Socialista, na que estarán presentes o Ministro de Xustiza e candidato ó Congreso, Francisco Caamaño; o Secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez; e o Secretario Xeral Provincial, Salvador Fernández Moreda.

Onte presentouse a plataforma de apoio a Rubalcaba, acto ó que corresponde a foto que reproducimos na presente entrada. O seu nome é Ojalá –título da célebre canción de Silvio Rodríguez- e congrega a diversas persoalidades do ámbito da cultura e a universidade, como Rosa María Mateos, Fernando Guillén Cuervo, Federico Mayor Zaragoza ou Amelia Valcárcel. Podes consultar a súa páxina web aquí:

http://www.ojalaquesuceda.com

As eleccións do 20 de novembro suporán, calquera que sexa o seu resultado, o adeus do Presidente Zapatero. Paga a pena ler o excelente artigo que sobre este particular vén de publicar Suso de Toro, baixo o título Ese chico de León se va, no xornal El País:

http://www.elpais.com/articulo/opinion/chico/Leon/va/elpepiopi/20111103elpepiopi_4/Tes

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.