Aprobadas as candidaturas socialistas para o 20 de novembro

Share Button

O PSOE aprobou as candidaturas para as eleccións xerais do vindeiro 20 de novembro. O proceso de elaboración das candidaturas iniciouse na primeira quincena de setembro coa celebración das asambleas extraordinarias nas agrupacións locais destinadas a propor candidat@s; nesta ocasión, como explicamos na entrada do pasado 13 de setembro, a Agrupación Socialista de Cariño optou por non propor ningún nome concreto, definindo en cambio unha serie de requisitos que, a xuízo da Asamblea, deberían cumplir @s candidat@s da comarca ó Congreso e/ou ó Senado. Os resultados das asambleas serviron para que as direccións provinciais elaborasen unha primeira proposta, que logo foi analizada pola dirección autonómica. Os últimos axustes fixéronse en Madrid, onde se aprobaron as candidaturas definitivas.

A candidatura ó Congreso pola provincia da Coruña está encabezada por Francisco Caamaño, actual Ministro de Xustiza e Catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Valencia. O segundo posto corresponde a Miguel Cortizo, actual Delegado do Goberno e persoa cunha ampla bagaxe política. No número tres sitúase Paloma Rodríguez, psicóloga ferrolá e membro da executiva do partido en dita cidade. Rodríguez, cuia fotografía publicada hoxe en Diario de Ferrol reproducimos aquí, está chamada a ser a representante socialista das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal no Congreso dos Deputados durante a vindeira lexislatura.

Paloma ten, pois, un intenso traballo por diante. Deberá explicar nas vindeiras semanas o proxecto socialista para a comarca e, ó mesmo, profundizar no coñecemento da realidade comarcal a través do contacto coas Agrupacións e cos axentes sociais. Dende a nosa web, queremos desexarlle sorte e, como non podía ser doutro xeito, ofrecerlle a nosa colaboración para obter os mellores resultados o vindeiro 20 de novembro.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.