Arranca a nova lexislatura: discurso de investidura

Share Button

Este sábado 13 de xuño, ás 12:30 do mediodía, deu comezo a sesión de investidura que supón o inicio desta nova lexislatura, a oitava dende que Cariño acadou a independencia municipal. Como estaba previsto, o noso compañeiro José Miguel Alonso Pumar resultou elexido Alcalde cos votos do Grupo Municipal Socialista, que, ademais del mesmo, está conformado na presente lexislatura por Alberto Iglesias Fraguela, María José Fraguela López e Jonathan Miranda Lucas. Neles catro vai a recaer a responsabilidade de goberno municipal durante os vindeiros catro anos, nos que, como non podía ser doutro xeito, amosaremos a nosa máxima disposición ó diálogo e ó entendemento coas restantes forzas que integran a corporación.

Precisamente esta vontade de entendemento e colaboración foi un dos piares en torno ós que xirou o primeiro discurso de Alonso Pumar tras ser elexido Alcalde. Un discurso, que reproducimos nesta mesma entrada, no que tamén destacou a súa lealdade coa cidadanía e apuntou algunhas das liñas principais para o presente mandato.

Hai uns poucos días celebrárase o último Pleno da lexislatura anterior. Dita sesión plenaria supuxo a despedida da corporación dos nosos compañeiros José Luis Armada Castro e María Luisa Novo Fraguela, despois de 27 e 24 anos formando parte da mesma. Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos agradecerlles esta longa traxectoria de esforzo e compromiso, que é motivo de orgullo para tod@s nós.

As sesións de investidura nos restantes concellos de todo o país ratificaron un inequívoco xiro de esquerdas e progresista no que a maioría social ten postas importantes esperanzas. No Ortegal producíuse un cambio histórico, pois, tralo acordo acadado en Cedeira, o noso partido gobernará nesta lexislatura os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido e Ortigueira. Mantemos boas relacións cos compañeiros de todos estes concellos, que estamos seguros redundarán nun bo entendemento e en proxectos conxuntos. A política comarcal é, se cadra, máis necesaria que nunca. Por outro lado, o noso partido vén de facer en todo o estado español unha aposta clara e decidida polo cambio que a cidadanía demanda, facendo valer unha traxectoria de compromiso e coherencia que algúns estaban empeñados en negar nos últimos tempos. O PSOE vai a seguir sendo a referencia da maioría social progresista e de esquerdas neste país, e o mellor instrumento para a defensa das clases traballadoras e dos servizos públicos. Ese é o noso compromiso.

E nesa dirección apunta tamén o discurso de investidura pronunciado polo noso Alcalde, que reproducimos a continuación:

Compañeiros e compañeiras, Concelleiros, Secretaria Municipal, familiares, amigos e, sobre todo, veciños que esta mañá nos acompañades neste solemne evento.

Permitídeme que vos dirixa unhas breves verbas neste acto que non vén máis que a confirmar a absoluta normalidade democrática que vive o noso municipio, algo que por habitual non debe deixar de facer que nos sintamos orgullosos.

Hoxe asumo a máis grande honra que un veciño deste concello pode acadar: a de ser Alcalde de Cariño. Fágoo baixo dúas premisas básicas, a da honestidade e a da lealdade absoluta para coa cidadanía cariñesa. Son plenamente consciente de que tanto o equipo de goberno que me toca liderar como eu mesmo cometeremos erros, mais podo garantir que esa lealdade cara os meus veciños e veciñas da que falo estará sempre por riba das ideoloxías políticas. A orde xerárquica das miñas inquedanzas vén fondamente determinada polo interese xeral dos habitantes das cinco parroquias que compoñen o Concello.

Durante a pasada campaña electoral os socialistas de Cariño concedíamos a máxima prioridade a dous piares: a creación de emprego e a atención ás persoas, particularmente a aquelas que se atopan atravesando unha situación complexa. Para elas quero que sexa o meu primeiro pensamento, trasladándolles no meu nome –e estou seguro que tamén no nome de toda a corporación que dende este intre xa presido- o noso apoio e gañas de traballar para reverter as circunstancias adversas que lles afectan. Esa, e non outra, é a principal teima do novo goberno municipal: as persoas primeiro.

Por suposto hoxe cómpre tamén ter un recordo especial para os homes e mulleres que, dende aquel mes de xaneiro de 1988 en que acadamos a segregación municipal, participaron na vida política cariñesa formando parte da corporación local nalgunha das sete lexislaturas transcorridas.

E é que xa teñen pasado 27 anos dende que a autonomía chegou a este fermoso recuncho do Ortegal. Neste período foron tres os meus predecesores no cargo, cada un deles abandeirando unhas siglas políticas diferentes, o que baixo o meu humilde punto de vista é mostra inequívoca do san dinamismo ideolóxico que caracteriza a Cariño.

Quero polo tanto dar as grazas a Purificación Seixido, Fernando Tallón e José Luis Armada pola tarefa desenvolvida ó longo dos anos. Estou convencido de que cada un deles tratou, á súa maneira, de procurar o mellor para a nosa terra. Cónstame que foron moitas as horas roubadas ó sono e, porque non dicilo, á familia. Grazas ós tres.

Nesta miña primeira intervención quero tamén, no nome do Grupo Municipal Socialista, tender a man a todas e cada unha das forzas políticas representadas no Pleno. A todas, sen excepción algunha. E fágoo con total sinceridade, consciente de que a situación social cariñesa é o suficientemente grave como para permitirnos o luxo de caer en frívolas disputas partidistas. Todos e todas somos necesarios e, como ten sucedido nos principais episodios reivindicativos da nosa vila, só unidos poderemos saír adiante. Estou convencido de que a cidadanía non perdoará a quen poña paus nas rodas ou caia en liortas estériles.

Non pido lealdade para este novo Alcalde senón para o pobo cariñés sabendo que, cando falamos da veciñanza de Cariño, A Pedra, Sismundi, Landoi ou Feás e moito máis o que nos une que o que nos separa. Como digo, nese escenario atoparedes ó Grupo Municipal Socialista sempre coa man tendida e disposto a un diálogo aberto e claro. Eu non me presentei a unhas eleccións para discutir con ninguén, senón para mirar con determinación e firmeza cara o futuro.

Xa que non existe ser humano que se atope en posesión da verdade absoluta, Cariño precisa dunha oposición política que participe activa e construtivamente na vida do Concello. Os meus inimigos non serán os concelleiros de AECA, o BNG ou o Partido Popular, os meus únicos inimigos son –dende xa mesmo- o paro e as nefastas consecuencias que a crise está tendo na nosa xente.

Queremos un Cariño limpo, ordenado, cunhas aceptables coberturas sociais, impregnado pola cultura e solidario coas súas parroquias e núcleos máis illados. Quen volo di é fillo, neto, bisneto e tataraneto de xentes de Sismundi, a parroquia máis pequena do Concello, e de Vila, lugar que como sabedes non ten sequera a consideración de parroquia.

Pretendemos tamén un Cariño próspero onde os sectores pesqueiro, marisqueiro e conserveiro remonten o voo e volvan a ser a locomotora económica local que nunca deberon deixar de ser. Por iso quero anunciar aquí hoxe a miña intención de que a primeira das moitas reunións que hei de manter como Alcalde sexa co Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Cariño. Concello e pósito deben, dentro das competencias e atribucións que lle son propias a cada unha das institucións, colaborar e ir da man en todos aqueles asuntos susceptibles de ser beneficiosos para a veciñanza. Así no lo demandan, e así habemos de facelo.

Pero na procura da activación económica haberemos ademais de potenciar outros sectores produtivos noutrora un tanto esquecidos como son o forestal, o turístico ou o asistencial; neste último caso resultan obxetivos irrenunciables tanto a posta en marcha do Punto da Atención á Infancia como a apertura do Centro de Día da Terceira Idade, servizos que ademais de xerar emprego de calidade redundarán nunha apropiada conciliación familiar de moitos e moitas veciños e veciñas.

Remato xa dicindo que aquí arranca a oitava lexislatura do noso xoven Concello, un período no que poderemos facer gala dos nosos desexos de servizo e dedicación a Cariño e ós seus veciños, cidadáns ós que invito a sumarse activamente a este proxecto político inclusivo, de todos e todas, e para todos e todas. Nós traballaremos con humildade e ilusión para que así sexa.

Moitas grazas, e boa sorte.

E non habendo máis asuntos que tratar na Orde do Día, levántase a Sesión.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.