As cifras da web en 2014

Share Button

altAdicamos a primeira entrada de 2015 ó tradicional balance anual de actividade da nosa páxina web.

Publicamos en 2014 un total de 66 entradas na páxina. Esta cifra supón un lixeiro incremento con respecto ós dous anos anteriores, nos que publicamos 65 (2013) e 60 entradas (2012). Se esas 66 entradas de 2014 se distribuísen de maneira uniforme ó longo dos 364 días do ano, a frecuencia de publicación sería dunha entrada cada 5’5 días. Un total de 57 entradas están acompañadas de imaxes, mentres que as 9 restantes conteñen só texto. Como é habitual, todas elas seguen estando dispoñibles nesta páxina para a súa consulta; mediante a opción Buscar do Menú principal podes filtrar os contidos ou temas que che interesan.

Pasamos a resumir a orientación temática desas 66 entradas. Como é habitual, a maior parte (25 entradas) estivo adicada a temas locais e comarcais (política municipal, etc.), mentres que a política autonómica e os asuntos relativos a Galicia mereceron 6 entradas. A política estatal e europea foi obxecto de 9 entradas, ás que debemos sumar as 5 entradas que adicamos ás eleccións europeas. Os procesos orgánicos do partido (primarias internas, congresos federal e provincial, etc.) foron obxecto doutras 9 entradas, mentres que o funcionamento desta páxina web e a nosa presenza en internet abordáronse en 3 entradas. No que atinxe a seccións fixas ou entradas seriadas, a serie Pensar dende a esquerda mereceu 3 entradas e Coñecer o noso 2 entradas. Por último, un total de 4 entradas poderiamos encadralas nunha categoría xenérica de outros temas.

As cifras de visitantes (media diaria e totais mensuais) figuran na táboa anexa. O principal aspecto destacable é o notable incremento de visitas con respecto a anos anteriores, que obviamente acollemos con satisfacción. Se en anos anteriores superar a media de 100 visitantes diarios era unha excepción reservada a algúns meses puntuais (concretamente 6 en 2012), comprobamos que en 2014 esta cifra supérase con creces os 12 meses do ano. O mes cunha media inferior de visitas diarias foi o de xuño (123), mentres que en decembro batemos o record cunha media diaria de 351 visitas. O ano 2014 pechouse cuns totais de 63.092 visitas, 547.649 páxinas vistas, 697.552 arquivos e 749.427 accesos, cifras que practicamente duplican –ou nalgún caso multiplican- as acadadas en 2012 (36.550 visitas, 151.581 páxinas vistas e 363.905 accesos); en 2013 non tivemos estatísticas para o ano completo debido ós cambios que fixemos de servidor, xestor de contidos e contador de visitas.

Esta web é o resultado dun traballo modesto -pero tamén constante e sostido ó longo de varios anos- da Agrupación Socialista de Cariño. O incremento nas cifras de uso da páxina, e o interese que suscitan os contidos que publicamos, son o mellor aliciente para continuar. Publicar estes datos forma parte da política de transparencia e de rendición de contas que practicamos na nosa Agrupación. Xa sabes que calquer comentario ou suxerencia podes facérnolo chegar ó correo electrónico psoecarino@yahoo.es. Graciñas por achegarte a esta web. A túa visita é o mellor incentivo para mellorar día a día.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.