As cifras da web en 2015

Share Button

Ofrecemos nesta entrada, como cada mes de xaneiro, o balance anual de actividade da nosa páxina web. Neste caso, as cifras correspondentes ó pasado ano 2015.

Publicamos en 2015 un total de 78 entradas na páxina. Esta cifra supón un relevante incremento con respecto ós tres anos anteriores, nos que publicamos 66 (2014), 65 (2013) e 60 entradas (2012). Obviamente, este incremento estivo en boa medida relacionado coa precampaña e campaña das eleccións municipais, que obriga a unha maior frecuencia de publicación. Se esas 78 entradas de 2015 se distribuísen de maneira uniforme –non é o caso- ó longo dos 364 días do ano, a frecuencia de publicación sería dunha entrada cada 4’6 días. Un total de 72 entradas están acompañadas de imaxes, mentres que as 6 restantes conteñen só texto. Como é habitual, todas elas seguen estando dispoñibles nesta páxina para a súa consulta; mediante a opción Buscar do Menú principal podes filtrar os contidos ou temas que che interesan.

Pasamos a resumir a orientación temática desas 78 entradas. A maior parte (52 entradas) estivo adicada a temas locais e comarcais (política municipal, etc.); delas, un total de 22 relaciónanse coa precampaña e campaña das eleccións municipais. A política autonómica e os asuntos relativos a Galicia mereceron 2 entradas. A política estatal e europea foi obxecto de 13 entradas, parte delas relacionadas cos diferentes procesos electorais que tiveron lugar o ano pasado. O funcionamento desta páxina web e a nosa presenza en internet mereceu 1 entrada. No que atinxe a seccións fixas ou entradas seriadas, a serie Pensar dende a esquerda mereceu 5 entradas e Coñecer o noso 3 entradas. Por último, un total de 2 entradas poderiamos encadralas nunha categoría xenérica de outros temas.

No que atinxe ás estatísticas de uso, mantemos a tendencia acadada en 2014 de superar a medida diaria de 100 visitas os 12 meses do ano. O mes cunha media inferior de visitas diarias foi o de xullo (119), mentres que a media máis elevada rexistrouse en abril (190). O ano 2015 pechouse cuns totais de 53.530 visitas, 445.400 páxinas vistas, 649.930 arquivos e 721.766 accesos, cifras que superan moi amplamente ás de 2012 pero que supoñen un lixeiro descenso con respecto a 2014 (un ano particularmente exitoso en canto ás estatísticas de uso da web); en 2013 non tivemos estatísticas para o ano completo debido ós cambios que fixéramos de servidor, xestor de contidos e contador de visitas.

Esta web é o resultado dun traballo modesto -pero tamén constante e sostido- da Agrupación Socialista de Cariño. O incremento nas cifras de uso da páxina –contemplado nunha perspectiva de varios anos- e o interese que suscitan os contidos que publicamos son o aliciente para continuar. O 21 de setembro de 2009 a nosa web adoptaba o seu formato actual con esta páxina principal dinámica, así que son xa máis de seis anos publicando contidos cunha candencia regular e constante (sumando 692 entradas a 31 de decembro de 2015). Dar a coñecer todos estes datos forma parte da política de transparencia e de rendición de contas que practicamos na nosa Agrupación. Xa sabes que calquer comentario ou suxerencia podes facérnolo chegar ó correo electrónico psoecarino@yahoo.es. Graciñas por achegarte a esta web. A túa visita é o mellor incentivo para seguir adiante.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.