As contas municipais: argumentos contra a falsedade

Share Button

O pasado 26 de xuño, nunha entrada titulada Breves comentarios sobre as contas municipais, ofrecimos algúns detalles sobre a situación contable do Concello de Cariño e a súa relación coa situación que herdamos no ano 2003. Podes acceder a ela aquí:

https://www.psoecarino.org/index.php?option=com_content&task=view&id=412&Itemid=5

O debate sobre a situación económica do Concello prosegue dende entón, basicamente pola insistencia da nova Alcaldesa, Puri Seixido, en ofrecer un diagnóstico alarmante sobre o estado das contas municipais. ¿É esto realmente así? O noso partido defende que non, e ó longo das vindeiras semanas iremos aportando datos que respaldan as nosas afirmacións.

Nesta entrada queremos unicamente referirnos a dúas cifras ou parámetros que, dun xeito quizais un tanto breve e non suficientemente claro, aparecen mentados na prensa de hoxe. O primeiro deles recóllese na Acta de Arqueo e consiste na cantidade de diñeiro en metálico ou en efectivo que o actual Goberno Municipal atopouse nos bancos o día da súa toma de posesión. O saldo a 10 de xuño de 2011 era de case medio millón de euros (en concreto, 499.907’44 euros). A cifra é dabondo elocuente, pero nos vindeiros días daremos algúns detalles adicionais.

En segundo lugar, mentaremos o Remanente de Tesourería que figura na Conta Xeral de 2010, que foi aprobada na sesión plenaria do pasado 29 de xullo despois dun mes de exposición pública, durante o cal non se presentou ningunha alegación. Esta cifra é moi clarificadora para analizar a situación económica dun concello, pois establece a diferencia entre gastos e ingresos nun exercicio completo (neste caso 2010). O Remanente de Tesourería de 2010 é de -75.591 euros, un remanente negativo ou déficit que pode considerarse insignificante nun presuposto anual que ronda os catro millóns de euros. A título comparativo, cabe sinalar que, despois de dúas lexislaturas con maioría absoluta do PP, o Remanente de Tesourería no ano 2002 era de -808.556’44 euros (case 11 veces máis).

O Remanente de Tesourería si arroxaba, pois, unhas cifras realmente críticas cando nós asumimos o Goberno Municipal en 2003. Ademais, o saldo dispoñible, reflexado na Acta de Arqueo, era moi inferior ó que nós deixamos. A pesar de herdar unha situación económica moito máis grave, levamos a cabo a nosa xestión sen aplicar os brutais recurtes que está impoñendo o actual goberno do BNG.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.