Asociación de Amas de Casa de Cariño: noraboa e a por outros 25

Share Button

A Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Cariño, que preside María Dolores Sanclaudio Luhía, organizou onte un completo programa de actividades para festexar os seus 25 anos de idade. A xornada tivo como evento principal un xantar no Pavillón Polideportivo, ó que asistiron unhas 200 persoas pertencentes ó colectivo cariñés e a outros semellantes que proviñan de distintos puntos da provincia (Cedeira, Ferrol, Neda, A Coruña e Camariñas). A cita contou cunha demostración do grupo de bailes de salón e coa música de DJ Pegaso. Previamente, a música e o grupo de baile da Agrupación folclórica San Xiao do Trebo e a Danza de Arcos recibiron ós colectivos convidados na Praza Roxa. Tamén tiveron ocasión de visitar unha mostra de traballos de bolillos e patchwork na Casa da Cultura.

A madurez dun pobo mídese pola súa capacidade para organizarse, pola calidade do seu tecido social. Cariño, afortunadamente, conta cun bo número de colectivos musicais, deportivos, lúdicos, etc. que son o resultado do traballo esforzado, teimudo e a miúdo silencioso da nosa cidadanía. Un dos nosos colectivos máis destacados, por lonxevidade e por actividade, é sen dúbida a Asociación que onte celebrou os seus 25 anos.

A Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Cariño naceu case ó mesmo tempo que o noso Concello. Eran días de efervescencia e ilusión. O Concello de Cariño daba os seus primeiros pasos, a Asociación de Veciños comezaba unha nova etapa para a histórica revista Nordeste, o entroido contaba con varias comparsas que daban conta da actualidade local en clave sarcástica… Nese contexto, un grupo de mulleres organizábase para crear o colectivo que onte conmemorou os seus 25 anos. A eses primeiros tempos da asociación corresponde a foto inferior das aquí reproducidas, que foi publicada no número 3 da terceira etapa da revista Nordeste (marzo de 1989, páx. 15), data na que contaban con 150 asociadas.

A súa andaina, ó longo de todo este tempo, merece o recoñecemento de toda a cidadanía cariñesa. Nestes 25 anos as mulleres que compoñen a Asociación non só traballaron para as súas asociadas, senón tamén, en numerosas ocasións, para toda a cidadanía. Nas catro lexislaturas que gobernamos o Concello puidemos constatar a súa actitude constructiva e colaborativa, a súa habitual disposición a axudar, xa fose na Festa da Caldeirada e da Sardiña Lañada, no Entroido, no Nadal ou noutras moitas ocasións.

Polas razóns expostas, queremos expresarlles o noso recoñecemento, darlles a noraboa e desexarlles, como mínimo, outros 25 anos de fecundo asociacionismo.

A outra fotografía que acompaña a esta entrada, na parte superior, foi publicada hoxe na edición en papel de La Voz de Galicia.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.