Axenda Aberta, unha iniciativa para o movemento asociativo

Share Button

É ben sabido que Ferrol e outros concellos limítrofes, como Fene ou Narón, posúen un rico e dinámico movemento asociativo que abarca múltiples ámbitos, dende a política á música, ou dende o deporte á arte. Esta riqueza cultural e asociativa é, en boa medida, resultado do moi meritorio movemento obreiro e esquerdista que floreceu na cidade dende os últimos anos do franquismo.

Dende esta web queremos saudar unha interesante iniciativa que acaba de saír á luz. O seu nome é Axenda Aberta e o seu principal obxectivo é facilitar, a través dunha páxina en internet, a coordinación do movemento asociativo da comarca, principalmente por medio da difusión de convocatorias e actividades evitando o solapamento entre elas. Tal como se subliña na propia web, "Trátase de cambiar o valor da COMPETITIVIDADE, sobre o que se construíu o modelo económico e social actual, polo da COMPLEMENTARIEDADE, que está chamado a ser un valor fundamental na creación dun novo modelo social máis xusto".

A páxina ofrece tamén outras informacións de interese, como os datos de contacto das asociacións ferrolás ou diversos dípticos informativos para descarga. Outras seccións -algunhas aínda por encher- levan títulos como Bibliotecas, Sindical, Ecoloxismo, Libros, Festivais, Feminismo, Ensino, Participación ou Deportes.

Sen dúbida, unha boa idea á que desexamos longa vida e cuxos responsables merecen a nosa felicitación. Pagaría a pena ensaiar unha iniciativa semellante no Ortegal, ou incluso proporlles ós responsables da web unha ampliación da cobertura xeográfica, que de momento limítase a Ferrol e ós concellos máis próximos.

Podes acceder á páxina aquí:

http://axendaaberta.blogspot.com  

   

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.