Axenda: vindeiros eventos en Cariño e comarca

Share Button

altAdemais do entroido, unha das datas de referencia no noso Concello, que comeza esta fin de semana e que encherá un ano máis as nosas rúas, Cariño e a comarca acollen estes días varios eventos que cremos convinte anunciar aquí.

Ás catro da tarde de hoxe, xoves 27 de febreiro, a Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro celebra unha charla divulgativa no Local Social da Casa do Concello de Cariño (planta baixa).

Mañá venres 28 de febreiro, ás oito da tarde, terá lugar no Teatro de Beneficencia de Ortigueira a presentación do libro Federico Maciñeira. Textos escogidos y estudios sobre su obra, que pecha o ciclo de actividades adicadas en 2013 ó intelectual e polígrafo ortegano no marco da programación de Ortigueira Literaria Dixital. Asemade, presentarase a programación para o ano 2014, adicado a Ramón Bascoy Pérez. O acto contará coas intervencións de Lois Armada Pita, Carlos Breixo Rodríguez, Fernando Pérez Sampedro, Obdulia Dopico e Mª Cruz Sabio.

Ó día seguinte, sábado 1 de marzo, a Rondalla de Cariño celebrará un concerto no Local Social da Casa do Concello de Cariño. Será a partir das seis da tarde e servirá tamén como despedida á súa madriña no 2013, Mónica Pita, e para entregar a banda á nova madriña para o ano 2014, Ana Yáñez.

Por último, o 22 de marzo o Museo Ortegalia de Ortigueira acollerá O rural, fonte de emprego. III Xornadas de impulso do aproveitamento dos recursos naturais como oportunidade de emprego. As xornadas terán lugar entre as 10:30 h. da mañá e o mediodía e contan con tres intervencións dunha hora de duración cada unha delas: Axudas e servizos do IGAPE: Emprendemento. Constitución de empresa. Tramitación e oficina virtual. Servizo de información, a cargo de Belén Fernández Rebolleda (Responsable de Zona Norte da Subdirección de Información Especializada do IGAPE); Marisqueo e acuicultura dos moluscos bivalvos, de Dorotea Martínez Patiño (Directora do Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo da Consellería do Medio Rural e do Mar); e Diversificación de usos e aproveitamento dos montes nas comarcas de Ortegal e A Mariña, por Manuel Antonio Rodríguez Guitián (Profesor do Depto. de Produción Vexetal da Escola Técnica Superior de Lugo, USC). As xornadas teñen unha cota de inscrición de 5 euros e a data límite de inscrición é o 14 de marzo. Tanto a efectos de inscrición como de información pode contactarse á Fundación Ortegalia no seu enderezo fundacion@ortegalia.es.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.