Besteiro presenta o seu proxecto na comarca do Ortegal

Share Button

O debate e a actividade para definir o novo rumbo do PSdeG prosegue e este martes 11 de xuño, ás oito da tarde, José Ramón Gómez Besteiro reuníuse en Espasante coa militancia do Ortegal para presentar o seu proxecto para a Secretaría Xeral do partido. Alí estivemos un grupo de militantes da Agrupación Socialista de Cariño.

Do encontro hai que destacar en primeiro lugar o elevado número de público asistente. A pesar de ser un día por semana, a cita congregou a varias ducias de militantes de base e cargos públicos que pertencían non só ás Agrupacións do Ortegal, senón tamén a outros concellos veciños como As Pontes, A Capela ou Valdoviño.

Besteiro, que dende 2007 preside a Deputación Provincial de Lugo, pronunciou un bo discurso, orientado a erguer o ánimo da militancia e ben asentado nos valores tradicionais e máis xenuinos do socialismo: defensa do sector público (Educación, Sanidade, etc.), reivindicación do Estado na súa faceta redistributiva e garante de xustiza social, municipalismo, etc. No plano orgánico, defendeu a súa aposta por unir o partido e conferirlle a dirección política que o convirta nunha alternativa sólida a nivel autonómico e municipal. Trala súa intervención, tivo lugar un turno aberto de preguntas e debate.

A de Besteiro foi a segunda visita dun candidato ou corrente de opinión á comarca do Ortegal no actual proceso precongresual no que se atopa inmerso o PSdeG. Con anterioridade, o 14 de abril, Iván Puentes, voceiro da corrente Novo Socialismo Galego, presentou as súas propostas no local da Agrupación Socialista de Cedeira, acto ó que tamén asistimos e do que xa demos conta nesta mesma páxina. Despois de asistir a ambos encontros, e de escoitar a Iván e a José Ramón, se algo temos claro é que no PSdeG hai futuro. A ambos queremos agradecerlles que se tivesen achegado á nosa comarca, agardando contar no futuro inmediato coa presenza dos restantes candidatos e correntes de opinión.

Un PSdeG renovado e con capacidade de liderado social é hoxe máis necesario que nunca, e non está de máis lembralo precisamente nesta xornada de folga comarcal que estivo acompañada dunha masiva manifestación na cidade de Ferrol: unha cidadanía farta e vapuleada, que demanda futuro, traballo e un proxecto político á altura das circunstancias.

A imaxe que acompaña a esta entrada provén do xornal Praza Pública.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.