Boletín Dixital

Share Button

BOLETÍN DIXITAL DE INFORMACIÓN MUNICIPAL

Grupo Municipal Socialista

 

 

Cariño, 1 de setembro de 2009                                                       Número 1

www.psoecarino.org           

 

 


Estás lendo o primeiro número do Boletín Dixital de Información Municipal do Grupo Municipal Socialista de Cariño. Con esta nova iniciativa queremos aproveitar as posibilidades que ofrece unha edición dixital destas características para informar á cidadanía do noso traballo no goberno municipal cariñés. As sucesivas entregas deste Boletín Dixital estarán dispoñibles na nosa páxina web, dende a cal poderás descargalas en formato PDF.

É a nosa intención que esta publicación electrónica conviva co noso Boletín de Información Municipal, que distribuimos en formato impreso e que ten como obxectivo ofrecer balances periódicos da política municipal. O Boletín Dixital, pola súa parte, sairá con maior frecuencia e coa intención de abordar de xeito máis pormenorizado -e incluso con carácter monográfico- aspectos concretos da actualidade do Concello. A súa aparición coincide ademais cunha nova etapa da nosa páxina web, que pretendemos actualizar con frecuencia complementando así a información institucional que ofrece a web do Concello de Cariño. Con estas actuacións tratamos non só de respostar á demanda de información da cidadanía, senón tamén de habilitar medios que nos permitan expresar os nosos posicionamentos e propostas coa necesaria claridade e profundidade. Agardamos mellorar progresivamente a maquetación e formato desta publicación electrónica.

Gostaríanos tamén que, agora e no sucesivo, fixeses unha lectura participativa deste Boletín Dixital. Por esta razón, convidámoste a que nos envíes os teus comentarios e suxerencias ó enderezo <psoecarino@yahoo.es>. Elo permitiranos facer autocrítica, mellorar os sucesivos números e incluir contidos de maior interese. Esta publicación electrónica podemos e debemos facela entre todas e todos.

Nesta primeira entrega centrámonos nalgunhas cuestións de actualidade que, cremos, preocupan á cidadanía cariñesa. Referímonos a algunhas importantes infraestructuras que se atopan en vías de execución e que entrarán en funcionamento nun futuro próximo. Rematamos facendo unha breve valoración do novo panorama político que se abríu tralas eleccións autonómicas do pasado 1 de marzo.

 

 

Estado das obras da Piscina Municipal

 

A construcción dunha piscina climatizada foi unha das nosas prioridades dende que asumimos o Goberno Municipal. Na anterior lexislatura conseguimos que a Deputación Provincial aportase a cantidade necesaria para a construcción desta instalación lúdico-deportiva, que ronda os 250 millóns das antigas pesetas e que, como é sabido, está ubicada na área de usos docentes e deportivos de Lagoa-Barreiros, xunto ó campo de fútbol e o Instituto de Ensino Secundario Cabo Ortegal. Trátase dunha piscina cuberta climatizada que conta cun vaso principal con características e dimensións de piscina olímpica e con outros dous vasos pequenos, para chorros de auga e hidromasaxe, ademais de sauna e vestiarios.

 

Vista xeral do interior da piscina municipal. Estado actual

 

Aínda que teñamos que extendernos unhas cantas liñas, consideramos necesario expor aquí as razóns polas cais a piscina aínda non está rematada. De xeito resumido, hai que dicir que construcción da piscina experimentou un retraso considerable motivado pola quiebra económica da empresa adxudicataria do contrato (Alcuba). Evidentemente, trátase dunha situación desafortunada e totalmente allea á responsabilidade do Concello de Cariño. Quizais sexa pertinente subliñar que, pouco tempo antes, a mesma empresa resultara adxudicataria da construcción do mercado municipal, obra que realizou con resultados satisfactorios e na que cumpríu o prazo de execución estipulado.

Por fortuna para a cidadanía cariñesa, esta quiebra da empresa prodúxose cando a piscina atopábase nun estado de execución moi avanzado, que posibilitou que o Concello puidese asumir o remate das obras. Sen embargo, elo requeríu dun complexo e lento proceso administrativo que supuxo máis meses de demora nunha construcción que xa entón levaba certo retraso. Afortunadamente, a situación está encauzada e o Concello de Cariño atópase a día de hoxe en condicións de poder rematar a obra.

En paralelo a este proceso, decidimos afrontar a problemática que plantexa o mantenemento desta piscina climatizada, cun custo enerxético que ronda os 20 millóns anuais das antigas pesetas. De feito, un dos argumentos que soía manexarse a nivel supramunicipal para oporse a financiar unha piscina destas características era precisamente o alto custe que podería supor o seu mantenemento para un concello das dimensións de Cariño.

Dende un primeiro momento entendimos que era case inevitable a producción de enerxía mediante paneis solares, que permite reducir de xeito moi notable os custes de mantenemento da piscina. Por esta razón, decidimos destinar a este propósito unha parte dos fondos do coñecido como Plan E do Goberno Central (o Plan Español para el Estímulo de la Economía y el Empleo). Ademais dos paneis solares, a piscina inclúe outro innovador sistema de aforro enerxético que aproveita a auga quente xa utilizada para quentar a auga limpa entrante.

Podemos dicir, como conclusión a este apartado, que a apertura da piscina municipal está moi próxima. Na actualidade, a previsión temporal que manexamos para a súa posta en funcionamento sitúase entre decembro deste ano e o primeiro trimestre do vindeiro ano 2010.

 

 

Paneis solares para a producción de enerxía

 

Tamén con cargo ó Plan E, xestionamos a instalación doutro grupo de paneis fotovolcaicos destinados á producción de enerxía eléctrica para vender en rede, para o cal contamos coa necesaria concesión estatal de Industria. Os paneis están a colocarse no tellado da piscina, no campo de fútbol municipal e nas inmediacións destas dúas instalacións.

Esta instalación permitirá ó Concello de Cariño ingresar en torno a uns 55.000 euros anuais (entre 8 e 10 millóns das antigas ptas.) durante un periodo aproximado de 30 anos. Con esta iniciativa, o Concello obterá uns ingresos que resultan importantes para a súa economía e, ó mesmo tempo, sitúase á vangarda do municipalismo a nivel nacional na aposta polas enerxías renovables e o desenvolvemento sostible.

 

Paneis fotovoltaicos instalados no campo de fútbol municipal

 

 

As obras do Centro de Día e a Residencia de Maiores

 

Un dos retos máis difíciles de gobernar un concello é o de acertar nas prioridades, especialmente cando –como sucede na maioría dos casos- carécese de financiamento para satisfacer tódalas demandas cidadáns. Este reto é aínda máis complexo no caso de Cariño, un concello moi xoven (pouco máis de 20 anos de vida) e que cando foi creado carecía da maior parte dos servicios básicos e infraestructuras.

Para nós, o Centro de Día e Residencia de Maiores é un servicio imprescindible para a calidade de vida das persoas maiores, que en moitos casos non poden ser atendidas pola familia por motivos laborais ou por outras razóns. Esta é a razón que nos levou a traballar arreo nesta iniciativa, que, dito sexa de paso, contou dende un primeiro momento coa oposición frontal do PP local. Esta forza política adicouse a mentir reclamando para a Cofradía a titularidade dos terreos onde están executándose as obras.

Non imos extendernos na explicación das xestións e trámites que foron necesarios para obter o financiamento e levar a cabo os traballos efectuados ata hoxe. Dito financiamento provén de catro fontes: fondos europeos do Plan Agader, Vicepresidencia da Xunta de Galicia, Deputación Provincial e o propio Concello. Convén subliñar, pois, que na actualidade contamos cos recursos económicos necesarios para rematar a obra, que sufríu un retraso de varios meses tamén polas dificultades económicas da empresa que está executando esta terceira e última fase.

 

Obras do Centro de Día e Residencia de Maiores

 

Como xa informamos noutras ocasións, a Residencia conta cunha altura de catro plantas e capacidade para 51 camas, mentres que o Centro de Día poderá acoller a unhas 30 persoas, aínda que estas cifras poden variar en función do tipo de servicios que requiran os usuarios.

Cando rematemos esta terceira fase procederemos á posta en marcha destas instalacións municipais, dentro do consorcio de servicios sociais ou do modelo que estableza o actual goberno da Xunta de Galicia. Cando teñamos estas instalacións a pleno rendemento, poderemos afirmar que o Concello de Cariño está ofrecendo uns servicios de elevada calidade en tódolos tramos de idade.

 

 

A Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR)

 

Outra das prioridades do noso Grupo Municipal foi rematar o Saneamento Integral de Cariño, cuia primeira fase realizouse na anterior etapa socialista á fronte do Concello (en 1994 tivo lugar a colocación dos principais colectores de pluviais e fecais). A continuación, o PP cariñés non fixo nada por completar o saneamento durante os seus oito anos no goberno municipal (1995-2003).

A construcción dunha depuradora de augas residuais é totalmente imprescindible para solucionar o problema dos verquidos contaminantes ó mar e para acollerse á normativa vixente nesta materia. Non en van, o incumprimento desta normativa relativa ós verquidos podería supor para o Concello importantes sancións económicas.

A obra, financiada pola Xunta de Galicia, contou cun presuposto de 6’5 millóns de euros (máis de 1000 millóns das antigas ptas.), cifra que inclúe os gastos de mantenemento da instalación durante os vindeiros 20 anos. Na actualidade os traballos están rematados e agardamos que a depuradora comece a funcionar en datas vindeiras.

 

 

Vista exterior da Estación Depuradora de Augas Residuais

Vista interior da Estación Depuradora de Augas Residuais

 

 

 

Ante un novo panorama político

 

O primeiro semestre do ano trouxo como principal novidade, no ámbito político, o cambio de goberno na Xunta de Galicia. Nos comicios do 1 de marzo, o Partido Popular obtivo os 38 escanos que supoñen a maioría absoluta, recuperando así o goberno autonómico.

Como non podía ser doutro xeito, dende o Grupo Municipal Socialista aceptamos os resultados destas eleccións e felicitamos a esta forza política polos resultados obtidos. Ao mesmo tempo, facemos constar aquí a nosa vontade de seguir colaborando coa administración autonómica con total lealdade institucional. Non en van, dende o goberno municipal cariñés, a nosa forza política ten traballado ao longo dos anos con administracións (Deputación, Xunta e Goberno Central) de diversa composición e signo político. E seguirémolo facendo.

A este respecto, convén subliñar que a Xunta de Galicia está directamente implicada en diversos proxectos e iniciativas que resultan cruciais para o futuro de Cariño, como a residencia de maiores, o polígono industrial ou o enlace coa futura autovía costeira. Agardamos que o novo goberno autonómico asuma a prioridade destes proxectos e aporte todo o que está na súa man para que se executen e/ou comecen a funcionar coa maior celeridade posible.

O actual goberno autonómico ten, pois, a oportunidade de amosar un compromiso firme co desenvolvemento da comarca do Ortegal en xeral e do Concello de Cariño en particular. Unha actitude que, dende logo, non amosou o Partido Popular na súa anterior etapa na Xunta de Galicia, como poñen de manifesto o trazado interior da Transcantábrica ou a longa privación de servicios sanitarios básicos no noso Concello.

Como vén sendo habitual, o noso Grupo Municipal, en canto forza maioritaria do goberno municipal cariñés, manterá unha actitude de colaboración, lealdade e respecto institucional coa Xunta de Galicia. Pero queremos tamén anunciar que, dende estes mesmos valores, manteremos unha actitude esixente e rigurosa para garantir que estes proxectos e outros son realidade dentro dos prazos actualmente previstos.                    

www.psoecarino.org

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.