Cariño prepárase para o Entroido

Share Button

Dende hai días as xentes do noso Concello prepáranse para o Entroido, un dos festexos con máis arraigo en Cariño e que, como soemos dicir aquí, “comeza co San Xiao”.

 

 

Tal como se informa dende a páxina web municipal, o Concello ten xa preparados os eventos tradicionais, que darán comezo este sábado ás cinco da tarde na Praza Roxa. Na carpa alí instalada, os máis pequenos poderán desfrutar de obradoiros de manualidades e outras actividades destinadas a eles, incluindo figuras hinchables. Estarán tamén presentes os doces típicos do entroido, como as tradicionais chaolas, preparados pola Asociación de Amas de Casa e Consumidores, que un ano máis colabora co Concello. A partires das oito e media da tarde, a charanga Os Jaláticos levará a cabo un pasarrúas polo casco urbán.

 

Ó día seguinte, domingo 14 de febreiro, terá lugar o tradicional desfile de disfraces, que sairá da Praza Roxa ás cinco da tarde e percorrerá o paseo marítimo e as rúas principais da vila, para rematar voltando ó punto de saída. O desfile será acompañado pola banda de gaitas San Xiao do Trebo. A partir das seis da tarde, terá lugar, de novo na Praza Roxa, o Baile de Disfraces, amenizado pola orquestra Montes.

 

Dende o Concello anímase a tódolos veciños e visitantes a participar no entroido cariñés, sen dúbida un dos máis animados e divertidos da comarca.


Fonte: http://www.concellocarino.org/aodia/nova.php?id=1206

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.