Cariño, un concello á vangarda dos espazos protexidos galegos

Share Button

altA nova case pasou desapercibida a pesares da relevancia simbólica que leva aparellada, mais o pasado mes de xullo o Goberno central publicou no BOE a Orde pola que se declaraban por primeira vez Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPAs) en augas mariñas españolas.

Trátase de 39 espazos mariños que, pola importancia das especies de aves que albergan ou fan uso deles, son especialmente estratéxicos de cara a preservar as súas poboacións europeas. E, como non podería ser doutro xeito, as augas exteriores do concello de Cariño atópanse entre as zonas catalogadas. E é que os mares cariñeses non só son un referente estatal pola súa riqueza subacuática senón tamén pola ornitolóxica.

Volvendo á decisión adoptada polo executivo nacional, cómpre sinalar que na práctica non fixo outra cousa que desenrolar o Plan Estratégico del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad 2011-2017 aprobado nos últimos meses do anterior mandato socialista, e no que se contemplaba como máxima prioridade a creación de areas mariñas protexidas e espazos da Rede Natura 2000 no medio mariño.

As ZEPAs foron creadas ao abeiro da Directiva Hábitat da U.E., e forman parte da Rede Natura 2000 coa que os máximos estamentos europeos tratan de garantir o mantemento ou, no seu caso, o restablecemento, nun estado de conservación axeitado, dos tipos de hábitats naturais e dos hábitats das especies de que se trate na súa área de distribución natural.

Polo tanto, a Rede Natura 2000 é unha malla ecolóxica formada por Lugares de Importancia Comunitaria (LICs), Zonas de Especial Conservación e Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPAs), constituíndo un instrumento fundamental dentro da política europea no eido da conservación da natureza.

A nova figura conservacionista que recae sobre os mares do noso concello recibe o nome de Espacio marino de Punta Candelaria-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares, se ben a superficie protexida, un total de 771’52 km2, abrangue outras moitas áreas que exceden estes límites xeográficos (costa de Viveiro, illotes de Xove…) e, paradoxicamente, a ría interior queda fóra da mesma aínda formando parte da nomenclatura do espazo.

O BOE xustifica a protección co seguinte párrafo: “Trátase dun espazo mariño de grande importancia como corredor migratorio por onde, cada ano, pasan máis dun millón de aves durante a migración postnupcial. O fluxo máis importante céntrase entre os meses de agosto e novembro. A súa situación, no extremo noroccidental da Península, convírtena nunha zona de migración relevante para un total de 15 especies de aves mariñas. A illa de Coelleira alberga unha pequena colonia de pardela cincenta (Calonectris diomedea borealis) recentemente descuberta. Aniña no contorno do espazo o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis aristotelis)”.

Efectivamente, son 15 as especies de aves peláxicas que xustifican tal catalogación, mais milleiros de pardelas, mascatos, palleiras, carráns, pentumeiros, gaivotas, paíños, araos ou mobellas recalan cada ano na zona, o que fai que a nosa bisbarra reciba o máximo recoñecemento d@s ornitólog@s europe@s, que ven nela un punto de referencia continental. A elo teñen contribuído os intensos traballos de campo desenrolados polos membros da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e da Sociedad Española de Ornitología (SEO), e mesmo algúns interesantes e descoñecidos datos obtidos nas excursións peláxicas que se viñan organizando grazas a un servizo que o Concello de Cariño puña a dispor dos científicos: o Aula do Mar.

A orde ministerial completarase coa aprobación do plan de xestión da nova ZEPA, para o cal o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente conta cun prazo de dous anos. O devandito plan establecerá as medidas de conservación necesarias que respondan ás necesidades ecolóxicas das especies de aves polas que se declaran as áreas, tendo en conta –como non podería ser doutro xeito- ós sectores pesqueiros implicados e os seus intereses.

Con este novo recoñecemento o noso concello mantén o seu privilexiado estatus na vangarda das catalogacións medioambientais estatais ó formar parte a un tempo de dous Lugares de Interese Comunitario (LICs) diferentes, dúas ZEPA e un Espazo Ramsar (humidal de importancia internacional), o que fala moito e ben do enorme patrimonio natural que temos o privilexio e a responsabilidade de xestionar para desfrute propio e das xeracións vindeiras. Fagámolo.

Enlace ó BOE que aproba a medida:

https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2014-7576

Lista dos 39 novos espazos protexidos: Espacio marino da Ría de Mundaka-Cabo de Ogoño, Espacio marino de los Islotes de Portios-Isla Conejera-Isla de Mouro, Espacio marino de Cabo Peñas, Espacio marino de Punta de Candelaria-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares, Espacio marino de la Costa de Ferrolterra-Valdoviño, Espacio marino de la Costa da Morte, ZEPA Banco de Galicia, Espacio marino de las Rías Baixas de Galicia, Golfo de Cádiz, Espacio marino del Tinto y del Odiel, Espacio marino de la Bahía de Cádiz, Bahía de Málaga-Cerro Gordo, Espacio marino de la Isla de Alborán, Bahía de Almería, Espacio marino de los Islotes Litorales de Murcia y Almería, Espacio marino de Tabarca-Cabo de Palos, Plataforma-talud marinos del Cabo de la Nao, Espacio marino del Delta de l’Ebre-Illes Columbretes, Espacio marino del Baix Llobregat-Garraf, Espacio marino de l’Empordà, Espacio marino de Formentera y del sur de Ibiza, Espacio marino del poniente y norte de Ibiza, Espacio marino del levante de Ibiza, Espacio marino del sur de Mallorca y Cabrera, Espacio marino del poniente de Mallorca, Espacio marino del norte de Mallorca, Espacio marino del norte y oeste de Menorca, Espacio marino del sureste de Menorca, Espacio marino de la zona occidental de El Hierro, Espacio marino de los Roques de Salmor, Espacio marino del norte de La Palma, Espacio marino de La Gomera-Teno, Espacio marino de los Acantilados de Santo Domingo y Roque de Garachico, Espacio marino del Roque de la Playa, Espacio marino de Anaga, Espacio marino de Mogán-La Aldea, Espacio marino de La Bocayna, Espacio marino de los Islotes de Lanzarote, ZEPA Banco de la Concepción.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.