Carta aberta de José Luis Armada Castro

Share Button

O noso compañeiro José Luis Armada, Secretario Xeral da Agrupación Socialista de Cariño, candidato nas eleccións do 22-M e Alcalde de Cariño en catro lexislaturas, vén de redactar para esta páxina web unha carta aberta coa análise dos resultados electorais e unha reflexión sobre a nova etapa que se abre no noso Concello. Reproducímola a continuación:

 

Estimada veciña:

Estimado veciño:

Como xa sabes, o vindeiro sábado, 11 de xuño, producirase un cambio na Alcaldía de Cariño. O Bloque Nacionalista Galego, que foi a forza máis votada nas eleccións do pasado 22 de maio, asumirá en solitario o goberno municipal. Os resultados electorais e o novo panorama que se abre no noso Concello merecen algúns comentarios, que paso a expor nas liñas que seguen.

Afrontamos as pasadas eleccións municipais nun contexto particularmente difícil. Esta dificultade viña determinada, en primeiro lugar, polo inevitable desgaste despois de 23 anos liderando a alternativa progresista no Concello de Cariño, 15 deles dende o goberno municipal. En segundo lugar, tamén xogaba na nosa contra o difícil momento que está a pasar o noso partido a nivel estatal, como resultado de atoparse xestionando unha crise económica de escala mundial e dimensións moi considerables. Por último, as eleccións celebráronse nun ambiente de “todos contra nós”, co BNG renunciando a reivindicar as dúas lexislaturas en coalición, abdicando das súas responsabilidades de goberno e centrando tódalas súas críticas na nosa actuación á fronte do Concello.

É evidente que os resultados (703 votos e 3 concelleiros) non foron positivos para o noso partido. Sen embargo, e aínda tendo en conta os erros que, sen dúbida, puidemos cometer, penso que @s socialistas temos razóns para estar satisfeit@s e reivindicar o noso traballo no goberno municipal. Creamos dende cero a inmensa maioría dos servizos e infraestructuras cos que conta hoxe o noso Concello; fomos artífices da recuperación integral da fachada marítima de Cariño; fixemos realidade ambiciosos proxectos como a piscina municipal; melloramos os servizos sanitarios (conquerindo a ambulancia e as gardas de presencia física) e a atención ás persoas maiores; asumimos o liderado na organización das festas de verán e puxemos en marcha o Ortegal Rock… O número 10 do noso Boletín de Información Municipal, distribuido no pasado mes de maio e que podes descargar nesta páxina, proporciona boa conta dunha parte do traballo realizado, en concreto o dos últimos catro anos.

O vindeiro sábado ábrese unha nova etapa no Concello. O BNG anunciou, durante a campaña e nos días posteriores ás eleccións, a súa intención de gobernar en solitario (con 4 edís nunha corporación de 11). Por suposto, é unha opción respetable. Nós centraremos os esforzos en construir un novo proxecto e reorganizar o noso traballo no ámbito municipal, tarefas que, a dicir verdade, podemos asumir con maior liberdade se non ocupamos responsabilidades de goberno. En calqueira caso, dende a oposición, faremos un traballo responsable e sempre en beneficio da cidadanía deste Concello.

Durante a pasada campaña electoral anunciei que, con independencia de cal fose o resultado das eleccións, era a última vez que concurría como candidato á Alcaldía. Nos vindeiros catro anos iremos dando os pasos necesarios para a renovación do liderado do Grupo Municipal e da Agrupación Socialista de Cariño. Está nas mans do socialismo cariñés presentar un proxecto gañador nas eleccións municipais de 2015. Eu aportarei o meu gran de area para conseguilo.

 

Un cordial saúdo,

José Luis Armada Castro.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.