Cinco anos de ciberpolítica e compromiso informativo

Share Button

altHai uns días, o pasado 21 de setembro, cumpríronse cinco anos dunha data que non queremos deixar de celebrar aquí. O 21 de setembro de 2009 esta web adoptaba o seu formato actual, cunha páxina principal dinámica na que dende entón tentamos subir unha ou varias entradas semanais.

Naquelas datas a Agrupación Socialista de Cariño contaba xa varios anos de presenza en internet. Foi na precampaña electoral das municipais de 2003 –comicios que concluíron con victoria socialista- cando creamos a nosa primeira páxina web, xa co dominio www.psoecarino.org que conservamos dende entón. Sen embargo, as primeiras versións da páxina eran moito máis estáticas, con seccións que se actualizaban só de cando en vez.

A nova etapa da web implicou un cambio de formato, pero, sobre todo, un esforzo sostido para cumplir regularmente co noso compromiso informativo. Nestes cinco anos colgamos nesta páxina principal un total de 595 entradas coa distribución cronolóxica que podes ver na táboa adxunta. Ata a creación do noso perfil de Facebook a mediados de abril de 2011 mantivemos un ritmo de actualización intenso, cunhas tres entradas por semana. A partir de entón, parte do noso traballo en internet canalizouse a través desa rede social e o ritmo de actualización da web pasou a situarse en torno a unha entrada semanal. A totalidade das entradas publicadas seguen dispoñibles nesta web, que desde xeito constitúe un histórico da actividade desenvolvida pola Agrupación Socialista de Cariño e polo noso Grupo Municipal nestes cinco anos. A opción Buscar do menú principal permite rastrexar as entradas por temas ou palabras chave. Este esforzo informativo, modesto pero constante, non ten parangón en ningunha das forzas políticas que operan no noso Concello. A resposta cidadá foi dende o principio un aliciente para manter este esforzo, na medida que as estatísticas da web reflexan un incremento de usuari@s constante nestes cinco anos.

Os contidos que colgamos aquí son múltiples e variados, aínda que as entradas poden agruparse en torno a varias temáticas principais. A máis destacada é, dende logo, a política municipal. Esta web é a canle principal para a difusión das posicións políticas e da actividade que a Agrupación Socialista de Cariño e o Grupo Municipal vimos mantendo.

Tamén aquí podes coñecer a actividade interna do noso partido, que tamén é, a nivel local, a formación política máis transparente. A composición das Executivas locais, os resultados das eleccións primarias, a presenza d@s nos@s militantes en congresos e órganos de dirección supralocais, o posicionamento da Agrupación nos debates que se plantexan no partido, os calendarios e normativas que regulan os procesos internos… Todos estes aspectos son habitualmente divulgados dende este sitio web.

Esta web acolle ademais entradas seriadas, que se agrupan en torno a un título xenérico. Actualmente mantemos activas dúas destas series. Pensar dende a esquerda dedícase a reivindicar o legado intelectual de persoas que teñen contribuído á renovación e ó fortalecemento do ideario socialista. Pola súa parte, a serie Coñecer o noso acolle entradas relacionadas coa divulgación e valorización da nosa realidade comarcal en tódalas súas facetas.

Outro tipo de entradas que publicamos con frecuencia serve para anunciar actos públicos e actividades organizadas tanto polo noso partido como polas asociacións e colectivos cidadáns do noso Concello. Así, a web funciona tamén como unha axenda e, en ocasións, como unha crónica da actividade social que se desenvolve na comarca.

Nos vindeiros meses esta web engadirá ós seus contidos habituais un novo obxectivo, que non é outro que o de contribuír a construír e a difundir o proxecto de cambio político que imos presentar ás eleccións municipais de maio de 2015. Uns comicios que afrontamos con humildade pero tamén con ilusión, conscentes de que estamos en condicións de ofrecerlle á cidadanía cariñesa un proxecto gañador e que lidere un necesario cambio de rumbo durante os vindeiros anos.

Para concluír, queremos reiterar que somos plenamente conscentes de que esta páxina é mellorable tanto en deseño como en contidos. Evidentemente, estamos ante un traballo modesto, froito do esforzo dos membros da nosa Agrupación, que ten que convivir con outras ocupacións, moitas veces restándolle horas ó sono ou ás fins de semana. Mais na Agrupación Socialista de Cariño somos tamén sabedores, dende hai bastantes anos, de que cando se queren cambiar as cousas non hai outro camiño que o do esforzo e a perseverancia.

Agradecemos calquera suxerencia que queiras facernos chegar ó correo electrónico psoecarino@yahoo.es.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.