Comeza unha nova etapa: o PSdeG-PSOE gaña as eleccións en Cariño

Share Button

Como seguramente xa saberás, o PSdeG-PSOE gañou onte as eleccións municipais no Concello de Cariño. Con 2316 votos contabilizados e un 63’23 % de participación, o noso partido obtivo 856 votos e catro concelleir@s. A segunda forza foi o PP con 563 votos e tres concelleiras, seguido de cerca polo BNG con 539 votos e tres concelleir@s. AECA recibíu 277 votos e acadou un concelleiro. Houbo 48 votos nulos e 33 votos en branco (o gráfico que acompaña a esta entrada provén da edición dixital de El País).

A cidadanía aposta de maneira decidida por abrir unha nova etapa en Cariño. O noso partido impúxose con claridade nas seis mesas do Concello (as catro de Cariño, a de A Pedra e a de Feás, na que votan os electores de Feás, Landoi e Sismundi); obtivemos 293 votos máis que o PP e 317 máis que o BNG; case 13 puntos porcentuais máis que a segunda forza, pasando da terceira á primeira posición na corporación municipal.

As primeiras palabras nesta breve valoración queren ser de agradecemento a toda a cidadanía. Un agradecemento moi especial ás 856 persoas que apoiaron a nosa candidatura, pero tamén ás persoas que decidiron dar o seu voto a outras opcións. En xeral cremos que a cidadanía de todo o Concello seguíu este proceso electoral con moito interese e cun civismo exemplar, propio dunha sociedade moi madura.

En segundo lugar, queremos expresar o noso recoñecemento ás outras tres forzas políticas que lexitimamente decidiron confrontar as súas propostas e proxectos nestes comicios. Dende aquí queremos reiterar a nosa máxima disposición ó diálogo e a nosa vontade de chegar a acordos en beneficio deste Concello e da súa cidadanía. Tod@s somos necesari@s.

Cariño disponse a iniciar a oitava lexislatura como Concello dende que acadara a independencia municipal en 1988, sendo o noso partido a forza maioritaria en cinco delas. Este apoio sostido ó longo do tempo é motivo de orgullo e satisfacción. Trala derrota electoral de 2011 anunciamos que faríamos o posible por presentar unha proposta gañadora nas eleccións de 2015. Nestes catro anos traballamos para elo, seguramente cometendo erros, pero os resultados de onte amosan que a cidadanía recoñeceu este esforzo. Sabemos que agora chega o máis difícil, que é non defraudar e respostar ás expectativas creadas.

Os resultados de Cariño sitúanse ademais nun contexto de forte cambio político en todo o estado español. Dentro da comarca do Ortegal, ademais da victoria en Cariño o noso partido acadou a maioría absoluta en Ortigueira e Cerdido, e ten serias opcións de gobernar en Cedeira a través dun acordo tripartito das forzas de esquerda. Nas comarcas de Ferrol e Eume gañamos as eleccións nos concellos de Ares, As Pontes, Capela, Monfero, Neda, Pontedeume e Valdoviño, en varios deles con maioría absoluta. A esquerda ten nas súas mans a oportunidade de gobernar as sete cidades galegas e as Deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra. A nivel estatal o avance da esquerda é xeralizado, configurándose un novo escenario con forzas emerxentes e que vai a requerir pactos e gobernos de coalición, pero que dende logo supón un motivo de esperanza e unha oportunidade para o cambio político.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.