Comezo dunha nova etapa no PSdeG

Share Button

Logo dos malos resultados electorais obtidos nos comicios autonómicos, a Executiva Nacional Galega do PSdeG convocou ó Comité Nacional Galego –máximo órgano entre congresos- da nosa formación (a foto pertence á edición dixital de El Correo Gallego). O punto único de debate na orde do día era, precisamente, levar a cabo unha análise conxunta do acontecido o 21 de outubro.

Máis de 330 delegados participaron no cónclave celebrado o pasado sábado 10 de novembro en Santiago de Compostela, dos cales 122 pediron o uso da palabra, cifra record na historia da nosa formación política, o que pon de manifesto a importancia do momento que está a vivir o partido.

Alén das achegas das diferentes agrupacións locais –moitas delas certamente interesantes- o principal compromiso adoptado por parte do noso Secretario Xeral, Pachi Vázquez, foi o de elaborar un cronograma que derivará de forma irremisible nun Congreso galego do que sairá a nova dirección do PSdeG.

Ata entón, @s socialistas cariñeses –a través do noso compañeiro José Miguel Alonso, membro do Comité Nacional Galego en representación de varias agrupacións de Ortegal- vimos de solicitarlle ó Secretario Xeral que a transición se leve a cabo dentro da máis estricta normalidade, seguindo como eixo fundamental tres puntos que nós estimamos importantes:

1.- Haberá de ser a actual Executiva Galega quen convoque e prepare ese Congreso, tratando de facelo de forma neutral e sen partidismo. Polo tanto, non cremos convinte a escolla dunha xestora provisional; este sentir foi maioritario entre os membros electos do Comité Nacional Galego.

2.- Facilitar a participación activa da militancia na elección do novo Secretario Xeral (a través de eleccións primarias). Somos coñecedores de que a día de hoxe os estatutos do PSOE non contemplan tal circunstancia, pero non é menos certo que a Dirección Federal do PSOE podería autorizar a consulta (mesmo ainda que non fose vencellante). Pachi Vázquez comprometeuse persoalmente a trasmitir tal petición á Executiva Federal.

3.- Coa finalidade de non hipotecar a acción política do futuro Secretario Xeral entrante tralo Congreso galego, parécenos pertinente que a asignación de cargos dentro do Grupo Parlamentario Socialista teña un carácter temporal, de xeito que a nova dirección galega teña capacidade para designar ós membros da Mesa do Parlamento, escoller voceir@, etc…

Polo tanto, as vindeiras semanas serán chave para acadar aquelo que dende a Agrupación Socialista de Cariño arelamos: un proxecto socialista galego sólido e próximo ás inquedanzas da cidadanía. A ocasión meréceo.

   

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.