Coñecer o noso: Ben-Cho-Shey, mestre en Cariño

Share Button

A educación pública de calidade é un dos piares do progreso social e unha das bandeiras tradicionais da esquerda. O avance das sociedades sostense sempre en bos centros de ensino e bos mestres. En definitiva, nun sistema público de educación que o capitalismo salvaxe que hoxe domina o mundo semella empeñado en destruir.

Neste contexto, é máis necesario que nunca reivindicar a educación pública, e reivindicar a súa historia, a súa contribución ó noso progreso. No xornal Público vén de aparecer un crítico artigo do sociólogo José Luis de Zárraga, titulado Carta a los socialistas, no que o autor plantexa ó noso partido unha serie de preguntas e retos para o futuro. Entre outras cousas, afirma Históricamente, los socialistas han defendido ideas y valores de racionalidad y de progreso (…). Habría que saber si en España el Partido Socialista está dispuesto (…) a avanzar realmente en la extensión del pensamiento racional, en la implantación efectiva de la libertad moral, en la recuperación de la memoria de las luchas y de los sufrimientos que han hecho posible que hoy podamos plantearnos estos objetivos”. Dende esta páxina web, modestamente, levamos tempo traballando nesta dirección. Por esta razón, nesta sección sobre cousas locais, queremos inaugurar hoxe unha serie de entradas adicadas a un célebre escritor galego que exerceu como mestre en Cariño a mediados dos anos 20 do século pasado. Estamos a referirnos a Xosé Ramón Fernández-Oxea, alcumado Ben-Cho-Shey.

Este polifacético mestre e escritor naceu en Ourense en 1896. Tralos estudos de bacharelato, na cidade natal, e maxisterio, en Madrid, participou na Guerra de Marrocos, onde redactou crónicas de guerra baixo o seudónimo de Ben-Cho-Shey. Foi despois da guerra cando exerceu de mestre na nosa vila e en Santa Marta de Moreiras (Ourense). En 1928 ampliou estudos de pedagoxía en Francia e posteriormente ingresou no Corpo de Inspectores de Ensino, no que ficaría ate a súa xubilación. Porén, por mor da súa pertenza ó Partido Galeguista, en 1936 foi suspendido de emprego e soldo durante tres meses e posteriormente destinado a Cáceres. Tempo despois puido instalarse en Madrid, cidade na que desempeñou un importante activismo cultural a prol de Galicia e da língua galega, publicando tamén sobre variadas temáticas. Faleceu na capital de España en 1988. O profesor Alonso Montero, que adicou un libriño á súa figura, adoita reivindicar a Ben-Cho-Shey como un dos principais defensores da língua e da cultura galegas nos anos escuros do franquismo.

Da relación de Ben-Cho-Shey con Cariño poderiamos dicir varias cousas, mais queremos comezar mentando unha das súas publicacións, titulada “El folklore sobre los niños, en Cariño (Coruña)”. É un breve artigo de catro páxinas que apareceu, na súa versión en castelán, no primeiro número (1944) da Revista de Tradiciones Populares. Esta publicación periódica, que axiña cambiaría o nome a Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, é unha das revistas que edita o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e sigue saíndo na actualidade, sendo unha das revistas de etnografía e antropoloxía máis importantes de España. Así pois, grazas á pluma de Ben-Cho-Shey, Cariño pode gabarse de ter merecido un artigo no seu primeiro número. Nunha vindeira entrada trataremos máis polo miúdo do seu contido.

Vaiamos agora a datas bastante máis recentes. Hai unhas semanas, a páxina de Facebook Mis sueños, que administra o cariñés Jorge R. G. Torrente, lembrou a figura de Cesáreo Ramil Abella, que liderou a organización dalgunhas das mellores festas patronais que se teñen celebrado en Cariño. A unha das Comisións de Festas que presidíu, no ano 1993, debemos un excelente Libro das Festas no que se recuperaban varios textos de Ben-Cho-Shey, acompañados dun breve estudo titulado “Ben-Cho-Shey, Cariño e os nenos”. O seu autor é Vicente Peña Saavedra, natural de San Claudio e profesor na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago. Algún día haberá que facer unha escolma destas interesantes contribucións espalladas nos antigos libros das festas.

Cariño pode gabarse de ter contado con Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, entre os seus mestres. Este insigne galeguista contribuíu á formación da sociedade cariñesa dos anos 20 e a situar a nosa vila na historia da educación e da cultura galegas. Por esta razón, temos a obriga de recordalo. En futuras entradas voltaremos sobre a súa figura.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.