Coñecer o noso: libro de J. M. Suárez Sandomingo sobre Federico Maciñeira

Share Button

altEdicións do Cumio vén de publicar un novo libro sobre Federico Maciñeira Pardo de Lama (1870-1943), unha das persoalidades máis relevantes que deu a comarca do Ortegal nos finais do século XIX e primeiras décadas do XX. O seu autor é José Manuel Suárez Sandomingo (Ortigueira, 1959), quen, baixo o título Federico Maciñeira Pardo de Lama. Su vida y su época, analiza as diversas facetas nas que destacou esta interesante figura. O libro será presentado proximamente na nosa vila, nun acto organizado coa colaboración da Agrupación Socialista de Cariño.

Hoxe en día Federico Maciñeira é coñecido, principalmente, por ser un pioneiro da investigación arqueolóxica no Ortegal, ámbito no que publicou importantes estudos. Sen embargo, Maciñeira foi moito máis que iso. Nado nunha familia de orixe fidalga, ó longo da súa vida implicouse na realidade política e socioeconómica da súa comarca, loitou pola modernización do agro e da gandeiría, cultivou o xornalismo, estivo en contacto coas principais persoalidades da política e da cultura da época, reivindicou incansablemente o ferrocarril da costa… Foi tamén Alcalde de Ortigueira (concello ó que entón pertencían Cariño e as súas parroquias) en dúas etapas. Unha delas, situada entre 1918 e 1923, é moi interesante para nós porque coincide co xurdimento das primeiras inquedanzas segregacionistas en Cariño, que levarán á creación en 1919 do semanario El Pueblo de Cariño, do que chegaron a saír 14 números.

Aínda que o intenso labor de Maciñeira a prol do desenvolvemento da comarca do Ortegal foi recoñecido en numerosas ocasións, tanto en vida como nos anos posteriores á súa morte, durante décadas botáronse en falta estudos pormenorizados sobre a súa figura. O arqueólogo cariñés e compañeiro Lois Armada Pita vén publicando dende hai máis de 10 anos diversos traballos sobre a súa obra arqueolóxica. En 2013, dentro da iniciativa Ortigueira Literaria Dixital, o Concello de Ortigueira adicoulle diversos eventos ó longo do ano que culminaron coa publicación do libro Federico Maciñeira. Textos escogidos y estudios sobre su obra, que pretendeu ofrecer un achegamento ás diversas facetas cultivadas polo autor (arqueólogo, historiador, etnógrafo, político, etc.). O libro de Suárez Sandomingo constitúe outra importante contribución ó coñecemento e recuperación deste insigne persoeiro.

Entre os aspectos a destacar neste novo libro atópase sen dúbida a completa análise do proceso de escolarización na comarca, que inclúe datos relevantes sobre as cinco parroquias que compoñen actualmente o Concello de Cariño. O libro recolle tamén as melloras que se fixeron en Cariño durante os anos que Maciñeira foi Alcalde de Ortigueira, en aspectos como a electrificación ou as infraestruturas. Melloras que, aínda así, non semellaron contentar á cidadanía cariñesa da época, que se amosa crítica e reivindicativa nas páxinas de El Pueblo de Cariño. Destas e doutras cuestións falarase no acto de presentación do libro.

O autor, José Manuel Suárez Sandomingo, é doutor en Pedagoxía pola Universidade de Santiago de Compostela e traballa nos servizos de protección de menores da Xunta de Galicia. Dende 2004 ocupa a presidencia da Asociación Profesional de Pedagogos e Pedagogas de Galicia. É autor de numerosas publicacións sobre temas de pedagoxía, dereitos da infancia e historia comarcal. Dende hai uns anos vén contribuíndo ó coñecemento e recuperación de persoalidades relevantes do Ortegal, ámbito no que, ademais do libro que nos ocupa, destaca outra súa titulada Benigno Teijeiro Martínez. El mayor polígrafo gallego en Argentina.

En breve publicaremos os detalles sobre o acto de presentación do libro. Entre tanto, podes atopar información sobre o mesmo e descargar algunhas páxinas na web de Edicións do Cumio:

http://www.cumio.com/libro.php?id_libro=701

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.