Congreso Federal do PSOE. Comeza un novo tempo

Share Button

altA pasada fin de semana tivo lugar en Madrid o Congreso Federal Extraordinario do PSOE, cita que pechou definitivamente o relevo do equipo que terá a misión de representar nos vindeiros tempos a tódol@s afiliad@s e simpatizantes socialistas do Estado.

Como xa comentamos recentemente, o compañeiro Pedro Sánchez viña de ser o candidato gañador no proceso de primarias celebrado para a escolla do novo Secretario Xeral socialista, acadando case un 49% dos sufraxios emitidos. Xunto co deputado madrileño, optaban a tal responsabilidade Eduardo Madina e José Antonio Pérez Tapias, que obtiveron o 36% e o 15% dos votos respectivamente.

O cónclave federal non pasaba unicamente por servir de refrendo á decisión libremente expresada pola militancia, senón tamén –e sobre todo- como punto de arranque do futuro proxecto do PSOE, poñéndolle cara a aqueles compañeir@s que liderarán a folla de ruta coa que pretendemos poñer fin ás desastrosas políticas que practica o Partido Popular, non só no goberno central senón tamén nos executivos autonómicos, provinciais e locais.

Os socialistas da provincia da Coruña participabamos no congreso cunha representación de 22 delegados, que foron escollidos nun Congreso Provincial Extraordinario celebrado o sábado 19 de xullo. A intención da Executiva Provincial liderada polo ex ministro Francisco Caamaño, e da que forma parte o noso compañeiro José Miguel Alonso, era a de abrir a participación ás comarcas, de xeito que as agrupacións de cada bisbarra tivesen –por primeira vez- a posibilidade de escoller directamente ó seu representante no congreso federal. Finalmente dita iniciativa aperturista non puido cristalizar ó non ser do agrado da dirección galega do partido.

A nova Executiva Federal do PSOE está integrada por 38 persoas, das que cómpre subliñar tanto a súa xuventude como o feito de que a maioría delas sexan mulleres (20); como representante do socialismo galego na nova dirección temos ó Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Xosé Ramón Gómez Besteiro. Pola contra, e sendo fieis ós seus compromisos previos, nin Madina nin Pérez Tapias formarán parte da mesma. Trátase dun xesto que ó noso humilde entender honra a ambos, xa que amosa unha clara intención de axudar non condicionando ó novo Secretario Xeral na escolla do seu grupo de traballo.

Os nomes que integran a dirección federal entrante son os de Micaela Navarro (Presidenta), Pedro Sánchez (Secretario Xeral), César Luena (Secretario de Organización e Acción Electoral), Antonio Pradas (Secretario de Política Federal), Carmen Montón (Secretaria de Igualdade), Patxi López (Secretario de Acción Política, Cidadanía e Liberdades), Ximo Puig (Secretario de Reformas Democráticas), Adriana Lastra (Secretaria de Política Municipal), Manuel de la Rocha (Secretario de Economía), María José Sánchez Rubio (Secretaria de Sanidade), María Luz Rodríguez (Secretaria de Emprego), María González Veracruz (Secretaria de Ciencia, Participación e Política en Rede), Meritxell Batet (Secretaria de Estudos e Programas), Carme Chacón (Secretaria de Relacións Internacionais), Estefanía Palop (Secretaria de Formación), Pedro Zerolo (Secretario de Movementos Sociais), Pilar Lucio (Secretaria de Cambio Climático e Sostibilidade), Susana Sumelzo (Secretaria de Administracións Públicas), Iratxe García (Secretaria da Unión Europea), María Luisa Faneca (Secretaria de Agricultura, Pesca e Desenrolo Rural), José Miguel Pérez (Secretario de Educación), María Luisa Carcedo (Secretaria de Benestar Social), Ibán García del Blanco (Secretario de Cultura), Roberto Jiménez (Secretario de Emigración), Noemí Cruz (Secretaria de Cooperación para o Desenrolo), Manuela Galiano (Secretaria de Pequenos Concellos) e Eva Matarín (Secretaria de Inmigración).

Como vogais quedan Pere Navarro, Tomás Gómez, Xosé Ramón Gómez Besteiro, Rosa Eva Díaz Tezanos, Emiliano García Page, Francina Armengol, Carlos Pérez Anadón, María Ascensión Murillo, Javier Abreu, Francisco Pizarro e Juan Pablo Durán.

Finalmente, a proposta de Executiva Federal presentada por Pedro Sánchez acadou o respaldo do 86’19% dos delegados presentes.

Dende a Agrupación Socialista de Cariño queremos desexarlle moito éxito a nova dirección, coa que, como non podía ser doutro xeito, anunciamos a nosa firme disposición a colaborar no necesario cambio de rumbo que precisa este país.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.