Congreso provincial

Share Button

 

O pasado sábado celebráronse nas catro provincias galegas, e na maioría das provincias do resto de España, os congresos provinciais extraordinarios que, entre outros asuntos, elexiron @s delegad@s que estarán presentes no vindeiro Congreso Federal de Sevilla; dito doutro xeito, os membros do partido que, entre outras decisións, terán na súa man a elección d@ vindeir@ Secretari@ Xeral do PSOE.

O panorama foi diferente en cada unha das catro provincias galegas, no que atinxe a número de candidaturas presentadas e a resultados. A Agrupación Socialista de Cariño estivo presente no congreso provincial coruñés con tres militantes, dous en calidade de convidados e o noso Secretario Xeral, José Luis Armada, en calidade de delegado. Na foto, subida a Facebook polo noso compañeiro de Cee Víctor Hugo, podes ver os delegados da comarca de Ortegal durante o congreso.

A provincia da Coruña aporta 19 delegad@s ó Congreso Federal. O sábado presentouse e aprobouse unha candidatura única, na que figuran como representantes da comarca Beatriz Sestayo (Deputada autonómica e Secretaria Xeral en Ferrol), Rafael Fernández Beceiro (ex-concelleiro ferrolán e membro da Executiva na cidade), Valentín González Formoso (Alcalde de As Pontes) e Katy García Blanco (Secretaria Xeral e voceira municipal en Narón).

A candidatura foi apoiada polo 60 % d@s delegad@s, colleitando un 40 % de abstencións e votos nulos. Algún dos promotores afirmou que un resultado deste tipo é normal cando se presenta unha candidatura única. Sen cuestionar esta afirmación, nós queremos engadir que é reflexo dunha militancia crítica, esixente, que desexa que as cousas comecen a facerse de maneira distinta e máis participativa na nova etapa. En calqueira caso, o debate está aberto e o partido ten nas súas mans sentar axiña as bases dun proxecto que o devolva a unha posición hexemónica na sociedade española, da man das políticas socialdemócratas que o país necesita.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.