Consideracións sobre o labirinto catalán

Share Button

Onte houbo eleccións autonómicas en Cataluña e, a estas a estas alturas, os resultados son ben coñecidos: CIU obtén 50 escanos (baixa 12); Esquerra 21 (sube 11); a terceira forza é o PSC-PSOE con 20 escanos (baixa 8); o PP acada 19 (sube 1); ICV-EUiA 13 (sube 3); Ciutadans da a sorpresa con 9 (sube 6); e a principal novidade nestas eleccións, Candidatura de Unitat Popular (CUP), entra no Parlamento con 3. Un panorama plural e diverso sobre o que queremos facer as seguintes consideracións:

1) Pese a ser a forza máis votada, Artur Mas é o principal derrotado nestas eleccións e protagoniza un dos ridículos políticos máis estrepitosos da actual historia democrática. O seu partido (CIU) contaba cunha maioría ampla, non tiña problemas de estabilidade política e faltaban dous anos para as eleccións, pero Mas decidíu adiantar os comicios, lanzou un órdago soberanista e reclamou unha maioría ampla para sacalo adiante. É difícil amosar un maior descoñecemento da propia base electoral: quedou claro que o electorado potencial de CIU é catalanista, incluso nacionalista, pero tamén conservador e pouco dado ás aventuras. Probablemente Mas tampouco contaba con que a dereita española –coa que o seu partido tantas veces se ten entendido- lle lanzase toda a súa artillería mediática destapando supostas contas bancarias en Suiza e prácticas irregulares na financiación do partido. Ademais de lidiar cun descenso de 12 deputados, Mas terá que defenderse destas acusacións.

2) É certo que a competencia de convocar eleccións anticipadas correspóndelle ó Presidente, pero a cidadanía ten dereito a saber cánto  custa a frivolidade de Mas. Coa que está caendo, ¿é aceptable que un Presidente decida gastar unha cantidade elevada de diñeiro público na celebración dunhas eleccións cun anticipo de dous anos, sen que sexan necesarias e unicamente en función dos seus intereses persoais? Xusto é recoñecer, ó mesmo tempo, que estas eleccións suscitaron o interese da cidadanía e a participación acadou unha cifra histórica en Cataluña (máis de 10 puntos superior á de 2010).

3) No contexto deste suposto auxe soberanista, que segundo nos dicían quedara patente na manifestación da última Diada, a suma das opcións nacionalistas e independentistas baixa escanos en Cataluña. Nestas eleccións, CIU, ERC e CUP teñen dous escanos menos dos que en 2010 sumaron CIU, ERC e a SI de Laporta.

4) No outro eixo de análise, o social, a esquerda sube de maneira apreciable. ERC sube 11 escanos, ICV-EUiA sube 3 e CUP acada outros 3. Aínda que o PSC-PSOE descende 8, os partidos situados no espectro da esquerda gañan en conxunto 9 escanos respecto ás eleccións de 2010. É unha esquerda plural, poliédrica, pero evidentemente –e sen renunciar ó ideario socialista- hai espazo para o diálogo, para o entendemento e para o traballo conxunto a prol dunha axenda social e dunha alternativa de esquerda ó ideario neoliberal que nos afunde cada día máis.

5) O noso partido segue caendo de maneira preocupante. Se os 28 escanos acadados en 2010 supuxeran o chan electoral do PSC-PSOE, os 20 escanos de onte deixan claro que é posible seguir baixando e camiñando cara a irrelevancia. As direccións federal e catalana non deben cometer o erro de edulcorar o resultado. Cómpre tomar medidas urxentes e os éxitos colleitados por outras forzas nestas eleccións catalanas apuntan os camiños a explorar: menos debate identitario; máis esquerda; traballo a pé de rúa intenso, valente e innovador; compromiso coas víctimas da crise (desempregad@s, autónom@s, pequen@s empresari@s, funcionariado…); coherencia entre as palabras e os feitos; renovación e caras novas…

6) O PP tampouco ten motivos para o festexo. É certo que sube un escano, pero non acada os obxectivos que se marcaba alentado polas enquisas: non chega ós 20 escanos e, lonxe convertirse na segunda forza política, pasa de terceira a cuarta. Mentres tanto, o partido máis próximo no ideolóxico e que se dirixe a un espectro electoral similar (Ciutadans) triplica o seu resultado de 2010 obtendo 9 escanos.

Nota: o gráfico que acompaña a esta entrada procede da edición dixital de El País.

   

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.