Consideracións sobre traslado das oficinas de información xeral e rexistro

Share Button

O pasado venres 8 de marzo o xornal La Voz de Galicia recolleu as críticas do noso voceiro municipal ó traslado do rexistro e do servizo de información da planta baixa ó primeiro piso da Casa do Concello. A noticia foi reproducida nesta páxina web ó día seguinte.

Posteriormente, a Alcaldesa respostou en Facebook, no grupo Concello de Cariño, o seguinte: E que me din de servizos técnicos, emprego, cultura, policia local, servizos sociais…? Sempre estiveron no segundo piso, e paréceme que de criticar que un servizo estexa no primeiro piso, máis grave é o de servizos sociais que o de rexistro. De calquer maneira, o ascensor para a xente con problemas de mobilidade segue funcionando coma sempre; ninguén queda sen poder acceder a calquer departamento do Concello. O que comentaron varios veciños ao respecto do cambio é que antes parecía que co rexistro no baixo lles poñían un "filtro" para subir a ser atendidos, e agora parécelles máis acolledor. O de consultar á Corporación sobre este cambio, simplemente non entendo a que ven esa esixencia. Creo que está dentro das competencias normais do goberno distribuir os espacios de atención á veciñanza segundo o seu mellor criterio”.

A decisión de trasladar estas oficinas adquire unha nova dimensión trala noticia publicada o 13 de marzo, novamente en La Voz de Galicia, que leva por título Cariño trasladará la oficina de turismo al ayuntamiento, engadindo a continuación El servicio se instalará en la planta baja del consistorio y funcionará desde el 15 de junio hasta el 15 de septiembre. O texto da noticia anuncia que á fronte da oficina estará un autónomo e que o Concello aprobará unha ordenanza para permitir a venda de camisetas, postais, recordos e material de promoción turística nas dependencias municipais. Non deixa de sorprendernos que, tendo o BNG 4 concelleir@s nunha corporación de 11, se presenten as cousas na prensa como feitos consumados empregando afirmacións como “el Concello aprobará”. O noso grupo non decidirá o sentido do seu voto ata coñecer os pormenores da ordenanza, pero ¿dase xa por descontado o apoio do PP?, ¿serán certos os rumores que apuntan a un pacto segredo BNG-PP en Cariño?

En calquera caso, en relación con ambos textos –resposta da Alcaldesa en Facebook e noticia na prensa do día 13 de marzo- queremos facer constar o seguinte:

1. Carece de sentido que a Alcaldesa introduza nesta discusión a ubicación de servizos técnicos, servizos sociais, etc. por unha razón moi sinxela: a planta baixa do Concello non foi deseñada para acoller ditos servicios. Non é posible ubicar servizos técnicos ou servizos sociais na planta baixa, salvo que se fagan reformas dunha envergadura considerable. Polo tanto, introducir argumentos deste tipo na discusión só ten como obxectivo confudir á xente.

2. Sen embargo, a ubicación dun punto de información xeral -e en moitos casos rexistro- na planta baixa, nun lugar visible e de máxima accesibilidade, é habitual en edificios públicos administrativos de todo tipo (casas consistoriais, oficinas de correos, hospitais e centros de saúde, etc.). Esta ubicación é habitualmente contemplada por arquitect@s ou técnic@s que deben saber bastante máis de distribución de espazos e de boas prácticas en accesibilidade que a Alcaldesa de Cariño.

3. Tampouco compartimos o seu argumento de que a ubicación da información xeral e rexistro no baixo supón colocar “un filtro” para que @s veciñ@s suban a ser atendidos. Ese suposto filtro –de existir- non ten nada que ver coa ubicación de dita oficina. As oficinas das plantas superiores poden ser completamente accesibles con oficina de información e rexistro na planta baixa, do mesmo xeito que é posible establecer un filtro moi estricto estando situados estes servizos na primeira planta. Depende das políticas de traballo e do tipo de atención que se preste, non da ubicación dunhas oficinas.

4. Agardamos a recibir a ordenanza relativa á oficina de turismo para tomar unha posición. Despois de dous veráns consecutivos coa oficina de turismo pechada, menos mal que o goberno municipal decide por fin facer algo ó respecto. Sen embargo, a declaración de intencións publicada na prensa dista de ser convicente. Se o servizo ten que ser xestionado por un autónomo que necesita gañar diñeiro, é fácil supoñer que se maximizará a venda de postais, camisetas e merchandising similar en detrimento da función informativa. En definitiva, estamos a falar da privatización dun espazo público. Cando unha persoa cruce a porta do Concello non se atopará unhas oficinas de información e rexistro que son habituais na maioría das casas consistoriais, senón un punto de venda, xestionado por un privado. ¿Coñecen moitos lugares onde as cousas se fagan desta forma? É certo que o actual goberno municipal ten un gusto especial polas situacións anómalas, pero, postos a ser orixinais, preferiríamos que o fosen buscando solucións a problemas reais deste Concello (deficiencias no alumado público, estado das rúas, deficiente estado de instalacións municipais, etc.) e non alterando unilateralmente o que funciona de maneira razoable.

Nota: a fotografía que acompaña a esta entrada está tomada na noticia publicada por La Voz de Galicia o 13-03-2013.

  

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.