Construíndo a alternativa: balance dun ano que remata (2014)

Share Button

altEstamos a piques de rematar 2014, un ano duro, durísimo. Mentres algúns queren facernos comulgar con rodas de muíño e falan dun suposto despegue da economía –que, de existir, só perciben uns poucos privilexiados- a maioría social segue padecendo reducións salariais, desemprego, deterioro dos servizos básicos… A situación agrávase en Cariño, coa crise dos nosos sectores produtivos tradicionais e a parálise absoluta que padece o Concello.

Para a Agrupación Socialista de Cariño foi un ano intenso e en boa medida de traballo silencioso. Se no 2013 tivemos unha presenza pública importante, organizando o 25 aniversario da segregación, varias presentacións de libros e revistas, un acto en defensa do ensino público, a publicación dun Boletín Informativo… este ano que remata foi en boa medida un ano de reflexión e organización, de diálogo coa cidadanía e co tecido social e, en definitiva, de construción do necesario proxecto alternativo que lidere o rumbo deste Concello a partir de maio de 2015.

O sábado 22 de febreiro celebrabamos unha Asemblea Extraordinaria na que José Miguel Alonso Pumar resultou elexido Secretario Xeral da Agrupación, en substitución de Ana Fachal. Esta última recibíu o recoñecemento unánime de tódol@s compañeir@s despois de liderar a Agrupación durante algo máis de sete meses. A elección do actual Secretario Xeral prodúxose por unanimidade, ó tempo que a nova Executiva local mantivo unha clara liña de continuidade coa anterior.

O día 11 de maio celebrouse o Geolodía 2014 correspondente á provincia da Coruña, que tivo como base Cariño e como principal actividade unha excursión guiada polo complexo xeolóxico de Cabo Ortegal. A actividade deu comezo o día anterior coa presentación da excursión e da mini-guía elaborada ex profeso para a ocasión, así como coa celebración dunha cea de irmandade. O evento foi organizado polo Instituto de Geociencias (IGEO) e o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da UDC, baixo o amparo da Sociedad Geológica de España e con financiación do Ministerio de Economía y Competitividad a través da FECYT e do IGME. Dende a Agrupación Socialista de Cariño colaboramos na organización, dando continuidade a unha liña de colaboración con este grupo de xeólog@s iniciada durante a nosa etapa á fronte do Concello.

O día 25 dese mesmo mes de maio celebráronse as eleccións europeas e, como é habitual, días antes organizamos en Cariño o tradicional mítin. Os resultados tiveron como feito máis salientable a irrupción de Podemos con cinco escanos e foron negativos para o noso partido en todo o Estado, o que rematou dando lugar á renuncia da dirección federal liderada por Alfredo Pérez Rubalcaba e Elena Valenciano. Aínda considerando o negativo panorama global, o PSOE rexistrou en Cariño a terceira mellor porcentaxe de voto dos 20 concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal, só superada por A Capela (37’8 %) e As Pontes (29’58 %), ambos con gobernos municipais socialistas. Nas dúas mesas de Cariño centro quedamos a só 9 votos de ser a primeira forza e, no conxunto do Concello, obtivemos máis votos que a suma das outras tres forzas de esquerda (AGE, Podemos e BNG). A nivel provincial, unicamente 9 dos máis de 90 concellos coruñeses tiveron unha porcentaxe de voto socialista máis alta que o noso. O PP foi a primeira forza no noso Concello (455 votos), pero víuse claramente superado polos 649 votos de esquerda obtidos por PSOE (347), AGE (111), Podemos (108) e BNG (83).

O proceso orgánico aberto trala renuncia de Rubalcaba tivo o seu fito principal o día 13 de xullo coa elección de Pedro Sánchez como novo Secretario Xeral en primarias abertas a toda a militancia, nuns comicios nos que tamén participaron Eduardo Madina e José Antonio Pérez Tapias. O resultado ratificouse días despois nun Congreso Extraordinario no que resultou elexida unha nova dirección federal. O partido tamén renovou a súa dirección provincial trala renuncia do compañeiro Francisco Caamaño, resultando elexido como novo Secretario Provincial o Alcalde de Culleredo Julio Sacristán, que contou co apoio da militancia cariñesa. Este proceso de renovación provincial, ó que concurriron inicialmente cinco precandidatos, rematou co Congreso Provincial celebrado o 13 de decembro.

O último acontecemento na vida interna da Agrupación tivo lugar hai escasos días e consistíu na elección de José Miguel Alonso Pumar como candidato socialista ás eleccións municipais de maio de 2015, nunha Asemblea na que contou co apoio unánime da militancia. O alto grao de unidade e consenso que vén mostrando a Agrupación nestes últimos tempos é sen dúbida un aspecto a destacar.

Durante todo o ano o Grupo Municipal desempeñou o seu traballo habitual en Plenos, Comisións e demais ámbitos da vida política deste Concello. Por outro lado, queremos tamén sinalar que durante o segundo semestre do ano a Executiva Local estivo mantendo reunións de traballo con asociacións e colectivos veciñais para coñecer as súas necesidades e inquedanzas. Esta ronda de contactos e reunións aínda non está rematada, pero está resultando moi útil e produtiva. Por último, a páxina web e o noso perfil de Facebook (agora convertido en páxina) estiveron activos ó longo de todo o ano; en breve publicaremos unha nova entrada co habitual balance anual da páxina.

Non queremos rematar o ano sen lembrar a persoas relevantes no ámbito da esquerda -a nivel comarcal, galego, estatal e internacional- que nos deixaron neste 2014. Persoas coas que tivemos o privilexio de colaborar, que puidemos coñecer, das que aprendimos coa súa obra escrita ou co seu exemplo vital, ou que simplemente merecen o noso recoñecemento. Pedindo desculpas polas ausencias ou omisións, a nosa relación inclúe a persoas de militancia e cultura política diversa, con varias das cales mantemos diferencias de pensamento significativas, mais sempre comprometidas coa loita da esquerda e a transformación da sociedade nunha dirección máis xusta, igualitaria e progresista: Eduardo Rego Rodríguez, Gabriel Toimil García, Regino Varela Martínez, Juan Vázquez Loureda “Anido”, Francisco Carballo Carballo, José Moas Pazos, Miguel Boyer, Manuel Fernández López “Lito”, María Antonia Iglesias, Manuel López Rodríguez, Ladislao Martínez, Carlos París, Miguel Romero Baeza, Tony Benn, Gabriel García Márquez e Ernesto Laclau.

Rematamos esta entrada desexándoche o mellor para o ano 2015. Nós estamos traballando para que sexa un ano de cambio e de esperanza. Un ano no que toda a cidadanía volte a sentirse orgullosa do seu Concello, e no que a institución municipal sexa o principal motor do cambio urxente que Cariño necesita. Ese vai a ser o noso principal reto. Feliz ano.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.