Construindo o socialismo do futuro: asamblea en Cariño

Share Button

A Agrupación Socialista de Cariño celebrou na mañá de hoxe, sábado, a Asamblea Extraordinaria para preparar os procesos orgánicos en marcha, que teñen como paso inmediato o Congreso Provincial do vindeiro 21 de xaneiro. A nosa Agrupación mantén a convicción de que o partido debe ser unha organización aberta, transparente, ó servizo da sociedade. Por esta razón, e como vimos facendo dende hai algún tempo, decidimos publicar aquí os principais acordos adoptados.

Tres eran, principalmente, os asuntos sobre a mesa. En primeiro lugar, tratábase de discutir os documentos remitidos polo partido para a celebración do 38 Congreso Federal, que terá lugar os días 3 a 5 de febreiro en Sevilla. Entre outras consideracións, a militancia coincidíu en destacar o escaso tempo dispoñible para analizar de maneira pormenorizada unha documentación que excede as 400 páxinas (166 a Ponencia Marco e os Estatutos, e 279 o Informe de Xestión da Comisión Executiva Federal), polo que un dos acordos adoptados foi solicitarlle ó partido que, en futuras ocasións, remita os documentos con maior antelación.

En segundo lugar, tratábase de elexir @ delegad@ que representará á nosa Agrupación no Congreso Provincial do vindeiro sábado. O compañeiro elexido foi o noso Secretario Xeral, José Luis Armada Castro, e propuxemos asemade a outros dous militantes para asistir como convidados.

Como último asunto importante, a asamblea decidíu a conveniencia de establecer un posicionamento ante o proceso congresual en marcha. Nas diversas intervencións, a militancia expresou os seus puntos de vista sobre o escenario actual, así como as súas preferencias ante as dúas candidaturas que se teñen postulado ata o momento. Foi unánime o recoñecemento a Rubalcaba, á súa valía persoal e ó seu compromiso co partido nestes tempos difíciles, pero moitas das intervencións coincidiron en destacar que Carme Chacón (na foto, tomada da web de Público) pode aportar a renovación e o aire fresco que o partido necesita. A continuación procedeuse a unha votación en urna, que ratificou o amplo respaldo á candidatura de Carme Chacón.

En resumo, foi unha asamblea interesante, intensa e fructífera. Tod@s somos conscentes de que queda moito traballo por diante, pero tamén de que paga a pena aportar o noso humilde gran de area para que o PSOE volte a ser o partido gañador e o gran motor de cambio que o noso país necesita.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.