Contrastes: a atención ás persoas maiores

Share Button

No marco desta sección, adicada a comparar a traxectoria do PSdeG-PSOE e do PP no Concello de Cariño, é obrigado adicar unhas liñas ó diferente trato que ambos partidos vimos dispensando ás persoas maiores do noso termo municipal.

Cando recuperamos o Goberno Municipal, no ano 2003, os maiores de Cariño carecían dun local onde reunirse a xogar a partida, tomar un café ou falar entre eles. Xuntábanse á intemperie, nun banco metálico no parque á beira do Garampín, ou no antigo local da Asociación de Veciños, carente de calefacción, duns lavavos en condicións e dos servizos máis básicos. As obras do actual edificio da Casa do Concello, que o PP comezara sen un horizonte de finalización definido e que estiveron tempo paradas, deixara a este sector da poboación sen o local do que desfrutaran durante anos.

Dende o primeiro momento propuxémonos revertir esta situación. Para elo, iniciamos uns longos e complexos trámites destinados a obter a cesión temporal dunha parte do edificio da antiga clínica, co obxecto de transformalo en Local Social de Maiores; é preciso remarcar que solicitamos a cesión temporal, nunca a propiedade. Rematada a tramitación, a Cofradía de Pescadores co actual Patrón Maior e candidato do PP á fronte, que durante anos non se preocupara o máis mínimo do edificio, recurríu a cesión  ante a Tesorería Xeral da Seguridade Social –propietaria do inmoble- e comezou un proceso de auténtico boicot ás intencións do goberno municipal. Aínda así, puxemos en marcha o Local Social e mantivémolo aberto o tempo que foi necesario, pois afortunamente non conseguiron os seus obxectivos. Se os tivesen conseguido, é obvio que os principais perxudicados terían sido os maiores de Cariño. Aberto o novo Local Social nos baixos do Concello, na antiga clínica medran de novo as telarañas.

A actitude do PP local, e a súa utilización da Cofradía para fins políticos, foi igual ou aínda menos responsable no caso do Centro de Día e Residencia de Maiores, unha importante inversión case rematada e que o Concello promoveu nun solar da súa propiedade, onde antes estaban ubicadas as aulas de párvulos. Neste caso, defenderon, sen ningunha base xurídica, que o solar era propiedade da Cofradía (por certo, ó igual que no caso anterior, estiveran anos sen preocuparse para nada da titularidade do mentado solar). A reclamación do PP local/Cofradía quedou nunha mera pataleta e, de feito, agora a apertura das instalacións, transferindo a súa xestión á Xunta de Galicia, forma parte do programa electoral do PP de Cariño. Ver para crer.

As liñas de traballo do Goberno Municipal nesta lexislatura están á vista: Centro de Día e Residencia de Maiores practicamente rematados, un novo Local Social na planta baixa do Concello, ampliación do Servizo de Axuda a Domicilio, que @s socialistas creamos na nosa primeira etapa na institución municipal, etc. Certamente, ninguén poderá cuestionarnos o compromiso cando se fala da atención ás persoas maiores de Cariño. O PP local, mentres tanto, tentando boicotear este traballo e utilizando politicamente a Cofradía, con consecuencias moi negativas para o sector do mar e –se puideran- tamén para os nosos maiores.

Na nova lexislatura, pretendemos continuar con firmeza na mesma dirección, abrindo ó público o Centro de Día e Residencia, ampliando o Servizo de Axuda a Domicilio, etc. O PP, sexa goberno ou oposición despois do 22-M, ten nas súas mans decidir se quere emprender un camiño distinto ó que mantivo ata agora.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.