Coronavirus: medidas fiscais extraordinarias aprobadas polo Concello de Cariño

Share Button

No marco da intensa labor que está a realizar o Concello de Cariño para atallar o forte impacto sanitario e social do coronavirus, a institución municipal vén de facer público un comunicado anunciando medidas fiscais extraordinarias que teñen aínda máis sentido despois do necesario endurecemento das normas de confinamento anunciado polo Presidente do Goberno.

Polo seu interese, reproducimos aquí o comunidado difundido polo Concello:

En resposta á crise sanitaria xerada polo Covid-19, e procurando colaborar en minimizar o seu impacto económico nas empresas e particulares, o Concello de Cariño decidiu as seguintes medidas en materia fiscal:

1º- Non se cobrarán os prezos públicos do Punto de Atención Infantil correspondentes ao mes de marzo –nin sucesivos- ata que se decrete o levantamento da situación actual. Chegado o momento, o recibo será prorrateado, polo que unicamente se cobrarán os días nos que se prestou o servizo.

2º- Non se cobrarán as taxas da piscina municipal correspondentes ao mes de marzo –nin sucesivas- ata que se decrete o levantamento da situación actual. Chegado o momento, o recibo será prorrateado, polo que unicamente se cobrarán os días nos que se prestou o servizo.

3º- No que ás terrazas dos establecementos de hostalería se refire, no momento de aprobación do padrón –que sempre será tras o levantamento da situación actual- descontaranse os días nos que a actividade se viu afectada pola orde de clausura.

4º- Estando en período de cobranza voluntaria desde o día 1 de febreiro de 2020 ata o 31 de marzo de 2020 o recibo de auga, lixo, saneamento, canon da auga e coeficiente de vertedura correspondente ao último cuadrimestre de 2019, publicado no BOP nº8 do 12 de xaneiro de 2020, resólvese ampliar o período de pago voluntario ata o día 30 de abril, sen menoscabo de que puidese volver a ampliarse o devandito período.

5º- Non se emitirán recibos de auga, lixo, saneamento, canon da auga e coeficiente de vertedura correspondentes ao ano 2020 ata, como mínimo, o mes de maio. Dependendo da finalización do Estado de Alarma procederase a tomar as lecturas dos contadores e, en coordinación con Augas de Galicia, artellaranse as medidas precisas para que o retraso na toma de lecturas non conleve un cambio de tramo nas tarifas do canon da auga e o coeficiente de verteduría.

6º- Na data 13 de marzo os postos do mercado municipal, tanto os da feira dos venres coma os do mercado interior, xa tiñan emitido o recibo correspondente co primeiro trimestre do ano 2020. Polo tanto faráselles un prorrateo de desconto no momento da aprobación do recibo do segundo trimestre, que será sempre unha vez finalizado o estado de alarma e cando se poida reanudar a actividade.

En todo caso aplicaranse as ordenanzas municipais vixentes e, de ser precisas modificacións, levaranse ante os órganos que deben aprobalas.

No que se refire a procedementos tramitados a través da Deputación da Coruña:

1º- Amplíanse os prazos dos procedementos tributarios e aprázase o inicio da campaña do imposto sobre vehículos (IVTM) ata novo aviso, sempre despois do 30 de abril.

A atención tributaria farase a través do correo electrónico atención.tributaria@dacoruna.gal e do teléfono gratuíto 900 132 204.

Máis información sobre medidas tomadas pola Deputación da Coruña no seguinte enlace:

https://www.dacoruna.gal/novas/ficha-noticia-reducida?id_evento=5641

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.