Crónicas dun longo agravio: infraestructuras viarias

Share Button

Entre os agravios máis prolongados ós que o PP ten sometido a todo o norte galego –non só a Cariño- atópase sen dúbida o relacionado coas infraestructuras viarias. A miúdo, @s responsables deste partido tómanlle o pelo á cidadanía culpando de tódolos males das nosas comunicacións ó goberno bipartito (PSOE e BNG) que gobernou a Xunta entre 2005 e 2009.

A realidade a este respecto é incontestable: o PP gobernou Galicia con maioría absoluta durante 16 anos (4 lexislaturas, entre 1989 e 2005), nos cais os avances nas conexións viarias das nosas comarcas foron practicamente nulos. O agravio máis sonado daqueles tempos foi probablemente o desvío da Autovía Transcantábrica por Vilalba, que motivou multitudinarias manifestacións en Ferrol e Viveiro no ano 2000. Podes ler aquí unha nova da época:

http://www.vieiros.com/nova/11971/ferrolterra-moveuse-pola-transcantabrica

O segundo episodio deste longo agravio ten como protagonista a Vía de Alta Capacidade da Costa Norte (Ferrol – San Cibrao), un proxecto de características mellorables e sometido a continuas dilacións. Cando gobernaba o bipartito, os cargos públicos do PP manifestábanse para esixir que as obras rematasen antes de 2013. Agora que eles gobernan, sabemos que non rematarán antes de 2015, pero xa non consideran necesario manifestarse. Nesta web témonos referido en reiteradas ocasións ós debates sobre esta vía (a foto corresponde a unha reunión de cargos públicos socialistas celebrada na Casa de Cultura de Cariño e que foi obxecto dunha entrada na nosa páxina o 21 de febreiro de 2010). A título de curiosidade, a VAC conta xa cunha entrada na Wikipedia, na que por certo podes descargar o Plan Move 2010-2015:

http://es.wikipedia.org/wiki/V%C3%ADa_de_Alta_Capacidad_de_la_Costa_Norte 

Un terceiro episodio deste trato discriminatorio ten como afectado directo ó noso Concello e consiste na supresión, por parte do PP, da nova estrada Cariño-Mera que o bipartito tiña contemplada no Plan Move e que xa contaba con estudo técnico. A versión vixente do Plan Move que manexa a Xunta do PP suprime esta estrada, que resulta fundamental para asegurar unha conexión áxil coa futura Autovía e comunicar axeitadamente por terra o noso porto.

O PP de Cariño semella non ter nada que dicir sobre isto, como en tantas outras cousas. Como sinala o noso Alcalde e candidato no vídeo Cariño en primeira persoa, entre as nosas prioridades para a vindeira lexislatura está conseguir que a construcción desta nova estrada volte a formar parte dos plans da Xunta de Galicia e, a continuación, axilizar ó máximo o inicio das obras.

 

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.