Defendendo a educación pública: breve crónica dunha xornada de traballo en Cariño

Share Button

altO pasado sábado 23 de novembro, como xa adiantáramos nesta web, celebramos unha xornada de traballo en Cariño coa participación de varios compañeiros da comarca e do Secretario Provincial de Educación do PSdeG, Antonio Álvarez Cisneros.

A tarde comezou cunha reunión de traballo interna, no local da Agrupación Socialista de Cariño. Posteriormente, trasladámonos ó Local Social do Concello, onde o noso compañeiro Álvarez Cisneros impartíu a charla Educando en desigualdade: os recurtes no ensino público na comarca do Ortegal. Esta charla intégrase no ciclo Educando en desigualdade, que, promovido pola Secretaría Provincial de Educación, está a explicar en distintos concellos da provincia os retos e ameazas que afronta actualmente o noso sistema educativo.

A charla-coloquio foi presentada por Ana Fachal, Secretaria Xeral da Agrupación Socialista de Cariño, quen lembrou o histórico compromiso d@s socialistas co sector público e en particular coa sanidade, a educación e o sistema de pensións. De seguido o noso compañeiro José Miguel Alonso presentou ó conferenciante, de quen é compañeiro na Executiva Provincial.

Antonio Álvarez Cisneros resumíu os resultados do seu estudo –xa comentado na nesta páxina- sobre os recurtes no ensino na nosa provincia, que sitúan á comarca do Ortegal como a máis perxudicada, cun recurte que practicamente duplica a media provincial no período 2009-2013. É importante subliñar que esta redución refírese exclusivamente a gastos de funcionamento (para material, fotocopias, calefacción, actividade extraescolar, etc.) e non inclúe recurtes na plantilla de profesorado e outro persoal, que obviamente agravarían as cifras expostas. No público atopábanse varios profesionais do ensino que no coloquio posterior introduxeron interesantes reflexións, como por exemplo o feito de que as asignacións presupostarias non teñen en conta parámetros e pecularidades como a localización xeográfica dos centros, que obviamente poden perxudicar aínda máis a lugares periféricos como esta comarca. Por exemplo, unha visita á Casa das Ciencias non lle custa o mesmo a un colexio do Ortegal que a un situado na cidade herculina.

Houbo tempo tamén para analizar brevemente o panorama que se aveciña coa Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) que pretende sacar adiante o polémico Ministro Wert. Criticáronse aspectos como a validez curricular da asignatura de relixión ou a recuperación das probas externas de avaliación ou reválidas, que xunto a outros discutidos cambios pretenden implementarse nun contexto de forte redución do gasto público. Tanto o ponente como outros profesionais do ensino presentes na charla-coloquio sostiveron que a LOMCE supón un retroceso incluso fronte á Lei Xeral de Educación de 1970 impulsada polo ministro José Luis Villar Palasí, que definiron como máis avanzada e inclusiva.

A xornada de traballo resultou unha experiencia positiva, na medida que respostou a varios dos obxectivos que debemos marcarnos como Agrupación: achegar información á cidadanía, analizar a realidade e tentar transformala nunha dirección máis xusta e democrática.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.