Discusións sobre a liquidación do orzamento de 2011

Share Button

A inclusión do post anterior, publicado o día 9 de xuño, nunha páxina de Facebook deu lugar a unha resposta da Alcaldesa de Cariño, Purificación Seixido, que respostamos o pasado día 16 de xuño. Reproducimos aquí textualmente a nosa intervención nese debate, introducindo unicamente algúns resaltes en negriñas:

Unha vez máis, temos que respostar ás valoracións da Alcaldesa, que, como é habitual, interpreta a contabilidade municipal de xeito cando menos peculiar, cunha enorme simpleza e alterando a realidade no seu beneficio.

Arranca no primeiro párrafo dicindo textualmente: “Dereitos pendentes de cobro: aqueles que non están en EFECTIVO nas contas do Concello. O seu cobro non é seguro. Son, por exemplo, os recibos impagados, que o Concello emite pero que os usuarios non abonan”. É rotundamente falso que non sexa seguro o cobro dos 696.956,36 euros que figuran na liquidación do 2011 como dereitos pendentes de cobro. Lendo as afirmacións da Alcaldesa da a impresión de que neste Concello paga quen quere, cando a cidadania sabe perfectamente que o que non paga dentro do prazo establecido polo Concello en voluntaria terá que pagar por vía de apremio co recargo correspondente. Pero, ademais, a Alcaldesa tamén sabe perfectamente que a cantidade de dudoso cobro establécese por lei, porque ese dato tamén figura na documentación, e ademais con cantidades e porcentaxes que se aplican a cada anualidade dependendo do tempo que o contribuinte debe ó Concello.

Se fose certo o que vén insinuando dende a toma de posesión, en relación á existencia de facturas sen crédito para pagalas, necesariamente quedaría reflexado nesta liquidación do orzamento do 2011 e, como mínimo, tamén na aprobación do orzamento do 2012, que tería que aprobarse cun superávit inicial que compensase, na mesma cuantía, ese déficit.

Sen embargo, as cifras que figuran nesta liquidación do orzamento de 2011 poñen de manifesto que o Concello de Cariño está en equilibrio orzamentario entre gastos e ingresos, pois nun presuposto de máis de 3 millóns de euros a diferencia entre gastos e ingresos e de –77.628, unha cifra ridícula e perfectamente correxible cando se aproba o presuposto do ano seguinte. De feito, como vimos de sinalar, é preceptivo por lei incluir este déficit aprobando o novo presuposto con superávit inicial polo mesmo importe do déficit antes mencionado.

En definitiva, para nós é evidente que a Alcaldesa manexa e interpreta de maneira moi tendenciosa a realidade económica municipal co obxectivo de desprestixiar ó anterior goberno e xustificar as carencias da súa propia xestión. Se o anterior goberno tivese feito unha xestión tan desastrosa das contas municipais, ¿sería posible saldar nun prazo tan curto a débeda a Corsán Corvián polas obras realizadas na Casa do Concello durante o mandato do PP?, ¿sería posible que o Concello tivese permanentemente unha liquidez nas contas bancarias que supera os 500.000 euros, que a curto incrementaranse substancialmente como xa iremos explicando? E imos máis alá, ¿é admisible, por exemplo, que, tendo de maneira permanente esa cantidade nos bancos, a única escola infantil que existe en Cariño teña que pechar porque o Concello redúcelle a subvención máis do 50 % e négase a aportar os 4000 ou 5000 euros que facilitarían a súa supervivencia?, ¿como se pode dicir que o Concello non pode facer máis para manter aberta a escola infantil?, ¿non é eso falsear a realidade contable e enganar á xente? Para nós evidentemente si.

A Alcaldesa remata o seu escrito referíndose á xestión económica do grupo socialista, cando debería dicir do anterior goberno municipal, composto polo noso partido e polo seu. Porque ó mellor tamén pretende esquecer que o Concello estivo nas dúas anteriores lexislaturas gobernado por dous partidos, o PSdeG-PSOE e o BNG. Polo tanto, esa xestión económica que ela tanto cuestiona é tamén responsabilidade do partido que representa. De ser as cousas como ela afirma, sería convinte que o BNG de Cariño comezase a asumir a súa parte de responsabilidade e entonase o mea culpa.

 

O texto que rematas de ler deu lugar a novas réplicas por parte da Alcaldesa, en parte alonxadas da cuestión que orixinou o debate, que é o decreto de liquidación do orzamento de 2011. Para contribuir a que cada persoa poda formarse a súa propia opinión, decidimos subir a esta páxina o Informe de intervención que acompaña ó citado decreto, que podes atopar na sección Descargas. Hoxe mesmo vimos de colgar en Facebook esta nova réplica, que nesta ocasión vai asinada polo noso voceiro no Concello, José Luis Armada:

 

Resposta ás últimas intervencións da Alcaldesa neste debate:

Cando representantes públicos manteñen posturas encontradas e discuten sobre un asunto relacionado coa función para a que foron elexidos, neste caso sobre a situación económica do Concello a 31-12-2011, non queda outra que facelo aportando documentos. Nós aportamos o decreto 132/2012 de liquidación do exercicio orzamentario de 2011. Como a Alcaldesa cuestiona a nosa forma de interpretalo, agora aportamos tamén o informe de intervención de 9 folios que é tamén preceptivo neste expediente. Tódalas persoas interesadas poden atopalo na sección de descargas da nosa páxina web e así poden formar a súa propia opinión á marxe do que poidamos dicir nós ou a Alcaldesa.

Nese informe de intervención (páx. 6) dise a propósito do Remanente de Tesourería (ese concepto que a Alcaldesa acúsanos de confundir) o seguinte: “Esta es la magnitud de mayor importancia en la liquidación de un ejercicio presupuestario, pues pone de manifiesto el estado de liquidez a corto plazo de la entidad, algo similar a lo que en contabilidad financiera se conoce como fondo de maniobra. Representa los fondos líquidos de los que podría disponer el Ayuntamiento a 31 de diciembre, si se cobrasen todos los derechos pendientes de cobro y se pagasen todas las obligaciones pendientes de pago”. Pois ben, esa cantidade é, como xa dixemos, de –77.628 euros nun pressuposto que ronda os tres millóns de euros.

Ante esta realidade, a Alcaldesa aporta unha amalgama de falsedades, medias verdades e un cúmulo de despropósitos que nada teñen que ver con este debate. Dende que tomou posesión levamos aguantado o inimaxinable. A súa capacidade para lialo todo é só equiparable á que ten para desfacer servizos municipais que funcionaban satisfactoriamente.

Foron moitas as veces que a súa acción a fronte do Concello, sobre todo na cuestión economica, merecía unha resposta contundente pola nosa parte. Non o fixemos porque tiñamos a certeza de que a Alcaldesa ía actuar como o está facendo agora, e sería a súa palabra contra a nosa. Agora podemos aportar documentos oficiais irrefutables, que a lei lle obriga a rendir ó Pleno e a outras administracións supramunicipais, pero, ademais, asinados por ela mesma, o cal non deixa de producirnos unha certa satisfacción na medida que a deixan nunha situación moi comprometida ante a cidadanía, porque poñen en evidencia, definitivamente, a política de engano que practica.

Quedan documentos relacionados con este tema que a Alcaldesa aínda ten que presentar ó pleno e que a deixarán en evidencia máis aínda. Afortunadamente, a tramitación de todos estes expedientes é tan garantista da legalidade e da transparencia que non queda espazo para a manipulación e a mentira. Recomendamos, pois, a quen teña dúbidas coa interpretación do decreto do que estamos a falar, que lea o informe de intervención dispoñible na nosa páxina web e se forme a súa propia opinión.

Asdo. José Luis Armada Castro

Voceiro do Grupo Municipal Socialista

jluisarmada@yahoo.es

     

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.