E ti que fas no Ortegal? Unha aposta polo fortalemento da comarca

Share Button

altEstes días estase a presentar na comarca unha nova iniciativa que leva por título E ti que fas no Ortegal? Os seus promotores, profesionais indepententes asentados en diferentes lugares dos concellos que a compoñen, estiveron o pasado martes en Cariño para dar a coñecer o novo proxecto a tódalas persoas interesadas. O encontro tivo lugar ás sete da tarde no Local Social do Concello.

Segundo as súas propias palabras, trátase dunha “plataforma sen ánimo de lucro, que ten como obxectivo dar a coñecer as iniciativas e proxectos sociais, culturais e económicos que se están a realizar na comarca de Ortegal mediante o uso desta ferramenta dixital que é o blog”. Engaden que o proxecto “xurde das inquedanzas dun grupo de veciños concienciados coa importancia de poñer en valor o que se realiza na comarca do Ortegal usando os novos medios dispoñibles”. Os promotores veñen aludindo, tanto no blog como na reunión celebrada en Cariño, á necesidade de dar a coñecer o tecido social da comarca, de conectar intereses e demandas, de visibilizar todo aquilo (proxectos empresariais, capacidades profesionais, etc.) que moitas veces non se coñece o suficiente. Pretenden contribuir a revitalizar e fortalecer a nosa identidade como comarca apostando pola calidade, o respeto polo medio ambiente, a economía local, a dinamización dos grupos rurais ou a creación de redes de apoio e intercambio de bens e servizos.

Na presentación do pasado martes explicáronse algúns outros detalles do proxecto. Así por exemplo, deixaron claro que o obxectivo do blog non é a publicación de noticias, senón de información sobre empresas, comercios, eventos, iniciativas socioculturais, etc. Remarcaron, ademais, o carácter independente do proxecto, que non está vencellado a institucións, asociacións ou partidos políticos. Por último, convidaron a participar a tódalas persoas interesadas, ben sexa consultando periodicamente o blog ou enviando información para que sexa publicada. O enderezo do blog é http://etiquefasnoortegal.blogspot.com.es/

O blog, que inclúe un buscador que facilita o filtrado dos contidos, ofrece a opción de subscribirse para recibir vía email tódalas actualizacións. Ademais, o proxecto conta tamén con perfís en Facebook e Twitter. O blog iniciou a publicación de entradas o pasado 31 de outubro de 2013 e contén xa un número de publicacións relevante, parte delas relacionadas con empresas e iniciativas ubicadas no noso termo municipal.

Dende aquí, queremos darlle a benvida a esta nova proposta e desexarlle un fructífero desenvolvemento.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.