Economía e turismo: entrevista a José Luis Armada, Alcalde de Cariño

Share Button

O xornal La Voz de Galicia incluíu o pasado venres nas súas páxinas o suplemento sobre turismo resultante do debate celebrado o pasado 20 de maio no Concello de Cariño, no que participaron alcaldes e outros cargos públicos de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

 

En dito suplemento apareceu un resumo das opinións expresadas no debate, varias reportaxes sobre os valores turísticos do Concello e unha entrevista ó noso Alcalde, José Luis Armada, que polo seu interese reproducimos a continuación:

 

 

¿Cais son os principais atractivos turísticos do concello de Cariño?

 

En xeral, toda a península do Ortegal constitúe un marco natural impresionante. O noso principal atractivo é seguramente o Cabo Ortegal, un enclave de beleza paisaxística espectacular e de enorme interese xeolóxico. Tamén, por suposto, os cantís de Herbeira, que son os máis altos da Europa occidental continental. O Aula do Mar pretende ofrecer una vista diferente destes importantes elementos. Hai que mentar tamén outros atractivos paisaxísticos destacadísimos, as praias, a hostelería

 

 

¿Cais foron os principais cambios que experimentou o concello nos últimos anos?

 

A nivel xeral, o principal cambio consiste na súa diversificación económica, pois Cariño pasou de ser un concello centrado exclusivamente no sector do mar e da conserva a ampliar a súa actividade cara a novos sectores, como a hostelería, o turismo ou a industria inmobiliaria.

 

Nun plano máis concreto, cómpre referirse á importante ampliación e renovación dos servizos e infraestructuras, cun novo Instituto, mercado municipal e casa consistorial. Actualmente estanse rematando a piscina climatizada, que é pioneira no seu funcionamento con enerxías renovables, e o centro de día e residencia de maiores; e axiña entrará en funcionamento a depuradora. Tamén no ámbito sanitario demos pasos significativos, coa implantación das gardas de presencia física durante as 24 horas ou o servicio de ambulancia.

 

 

¿Qué papel xoga Cariño no conxunto da comarca do Ortegal?

 

Cariño comparte coa comarca un entorno natural privilexiado, aínda que conta con elementos singulares espectaculares, como os cantís de Herbeira ou o Cabo Ortegal. A singularidade do seu papel na comarca reside na importancia da pesca e a industria conserveira. Cariño ten sido ó longo da historia un importante porto, non só a nivel comarcal senón tamén a nivel galego, chegando incluso a desenvolver artes de pesca específicas, como o pincho. O sector conserveiro tamén xogou nas últimas décadas un papel moi relevante. Hoxe seguen a ser, sen dúbida, os dous piares fundamentais da nosa economía.

 

 

¿Cre que o norte de A Coruña coñécese o suficiente?

 

A esta zona non lle interesa un turismo masivo ou de praia, ámbito no que, ademais, seríamos pouco competitivos pola nosa climatoloxía. Ó norte da provincia interésalle un turismo de calidade, especializado, que busca natureza, xeoloxía, patrimonio, hostelería ou actividades singulares, como o Aula do Mar. En todos estes eidos somos cada día máis coñecidos, pero aínda hai traballo por facer.

 

 

¿Fai falta chan industrial en Cariño?

 

Si, por suposto. De feito, o polígono industrial estaría hoxe rematado se non fose porque a Lei do Litoral paralizou o Plan de Sectorización. Agardamos que as obras comecen axiña, porque a disponibilidade de chan industrial será un importante factor de dinamización da nosa economía.

 

 

¿Qué retos se lle plantexan a Cariño no futuro inmediato?

 

Considero imprescidible crear un marco laboral no que os máis novos podan facer aquí o seu proxecto de vida, sen necesidade de ter que emigrar por falta de emprego. A diversificación económica é fundamental. Temos demasiadas experiencias negativas do que ocurre cando a economía depende dun só sector.

 

Eu vexo un sector emerxente vinculado ás enerxías alternativas, cheo de futuro, concretamente relacionado coa biomasa, o aproveitamento das olas do mar e outras que xa están funcionando no Concello, como a eólica e a solar.

 

 

¿Qué iniciativas ten o Concello neste campo?

 

Nós fomos pioneiros no aproveitamento da enerxía solar para o Concello, tanto na fotovoltaica para producir enerxía e vendela á rede, como na térmica para quentar a auga da piscina. Estamos neste momento executando un proxecto no alumado público que vai supor un aforro considerable no consumo, con reductores de fluxo e un sistema de control remoto punto por punto. Todas estas iniciativas van supor para o Concello uns ingresos ou aforro anual que nós estimamos en máis de 30 millóns das antigas pesetas cando estén funcionando a pleno rendemento.

 

Tamén estamos con iniciativas formativas neste campo. O día 14 de xuño comeza un curso de enerxía solar térmica no que se formarán 18 persoas.

 

Tamén estamos interesados nos proxectos que desenvolven outros países europeos. Proximamente asistiremos a un seminario en Italia para compartir experiencias con técnicos de Suecia e Finlandia. Este último país traballa no aproveitamento da enerxía que producen as olas do mar, ámbito no que estamos especialmente interesados.

Esta entrada foi publicada en Actualidade. Garda a ligazón permanente.